• A comezos de maio, naceu unha nova asociación no sur de Lugo, para promover o recoñecemento da súa riqueza paisaxística e medioambiental.
PROXECTO DE «UNIDADE E APOSTA CLARA» DOS TRES CONCELLOS
O 4 de maio tiña lugar en Quiroga a sinatura do documento de constitución da Asociación Montañas do Courel, na que participaron a alcaldesa de Folgoso, Dolores Castro; o tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro; e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez. Según explicaron os responsables esta iniciativa, a Asociación Montañas do Courel ten como finalidade principal traballar para conseguir o recoñecemento desta comarca como Geoparque Mundial da UNESCO.
A nova asociación terá como sede o Museo Xeolóxico de Quiroga, e será presidida inicialmente polo tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro. Según explicaron, o reparto de roles e funcións entre os tres concellos de Folgoso, Ribas de Sil e Quiroga «acredita a unidade, vontade e aposta clara e decidida por levar adiante este proxecto, que contribuirá ao desenvolvemento social, económico e cultural da zona».
Unha vez constituída esta entidade de xestión e coordinación do proxecto, a Asociación Montañas do Courel será a configuración do comité científico que esixe o protocolo da UNESCO, e que traballará na elaboración dos documentos técnicos e científicos sobre os recursos da comarca, para integrar na candidatura a Geoparque Mundial.
QUE É UN GEOPARQUE MUNDIAL DA UNESCO
Esta categoría representa un territorio que posúe un patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, e que leva a cabo un proxecto de desenvolvemento baseado na promoción turística. A declaración de Geoparque Mundial esixe tres factores. Por unha banda, a existencia dun patrimonio xeolóxico que sirva de protagonista e de eixo conductor. En segundo lugar, require a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación. Por último, debe favorecer o desenvolvemento socioeconómico e cultural a escala local.
Según precisaron os responsables desta iniciativa, a declaración de Geoparque Mundial da UNESCO non implica restriccións de ningún tipo en canto ao desenvolvemento de actividades económicas.•