• Logo de organizar unha ruta polo románico de Chantada e Carballedo, o domingo 8 de maio, guiados polas profesionais de Máis que Románico, o colectivo O Colado do Vento continúa a desenvolver un calendario de rutas de sendeirismo ao longo do mes de maio.
RUTA DA CUBELA, O DOMINGO 15 DE MAIO
O domingo día 15, a asociación soberina O Colado do Vento organiza un percorrido de sendeirismo pola Ruta da Cubela PR-G 180, de 13,4 quilómetros e dificultade baixa, cun trazado circular que transcurre polo municipio de Ribas de Sil. De carácter gratuíto, hai que consultar o punto de encontro en coladodovento@gmail.com.
GRAN RUTA POR SOBER SEGUINDO O SIL
Para o sábado 21 de maio está organizada a realización da Gran Ruta de sendeirismo Lobios- Os Chancís. Este trazado, de 22,2 quilómetros e dificultade media, transcurre en terras de Sober, pola ribeira do Sil. Os participantes acompañarán durante a ruta aos membros do Club Excursionista Acivro. En principio, a intención é que a ruta sexa gratuíta, aínda que haberá que coñecer o número definitivo de participantes, por se é preciso desprazarse en bus.
Hai que inscribirse antes do 17 de maio, no enderezo coladodovento@gmail.com.•