
• Ao longo deste mes de maio, a Deputación está a organizar diversos encontros cos representantes dos sectores produtivos da provincia, para explicarlles as características do LuGoWork. Este programa de emprego xuvenil, o primeiro de carácter participativo na nosa provincia, está impulsado pola Deputación, para ofrecer á mocidade lucense en paro formación sobre os nichos de emprego detectados en cada sector, e facilitarlles a inserción laboral por conta allea ou a través do emprendemento. O LuGoWork conta con 2 millóns de euros, aportados pola Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial.

O deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera, está a presentar o programa LuGoWork aos representantes dos diveros sectores. Na mesa sectorial celebrada coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo, as responsables deste colectivo incidiron na necesidade de formar aos futuros profesionais en habilidades comerciais, e no manexo das novas tecnoloxías.
Dende a Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios propuxeron mellorar a formación en comercio multisectorial, e no coñecemento dos avances realizados polas empresas punteiras de fabricación de pezas.•