•130 xogadoras de 30 países participan na única proba española do LET Access Series 2016 •As deportistas iniciaron a súa estadía cunha recepción en Monforte de Lemos
• Do 11 ao 13 de maio, Pantón acolle o Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade International Ladies Open, por cuarto ano consecutivo, nas instalacións do OCA Augas Santas Balneario Golf & Resort. Esta importante competición é a única que se celebra en España dentro do LET Access Series, o circuíto de desenvolvemento do tour feminino de golf europeo. Máis de 130 xogadoras de 30 nacionalidades, das que 25 son españolas, déronse cita no sur de Lugo dende o luns 9 de maio, onde foron agasalladas cunha recepción oficial no Concello de Monforte de Lemos, para continuar cun paseo pola cidade ata a contorna dos Escolapios, singular zona monumental e emblemática da cidade do Cabe. Ademais da visita turística ao complexo patrimonial, as xogadoras tiveron ocasión de realizar a tradicional solta de globos co que se inician os actos deste torneo profesional.
LUNA SOBRÓN ABRIU A RONDA DE TRIUNFOS EN PANTÓN
Con carácter previo á competición, celebrouse o martes día 10 o tradicional Pro Am, que rematou coa vitoria da mallorquina Luna Sobrón, que viña de gañar a primeira proba do circuíto europeo en Terre Blanche.
O LET Access Series está formado por 15 torneos profesionais, entre os que se inclúe o Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade International Ladies Open. A proba disputada en Pantón é unha das de maior contía económica en canto a premios, cun valor total de 35.000 euros.•