A Asociación Veciñal do Saviñao rexeita a cesión de terreos deportivos para o novo centro de saúde

•Nun escrito enviado á Consellería, alertan contra os inconvenientes que suporá este novo edificio •Afirman que “non é xustificable, nas circunstancias actuais, a inversión de un millón e medio de euros” anunciada

• O pasado 19 de maio, a Asociación Veciñal do Saviñao enviou unha solicitude á Consellería de Sanidade, manifestando o seu rexeitamento á construción dun segundo centro de saúde en Escairón.
Según indican no seu escrito os responsables deste colectivo, os feitos remóntanse á aprobación, no Pleno municipal celebrado o 21 de abril, do inicio dos trámites legais para a cesión de terreo público para a construción do novo centro de saúde. Según refire a Asociación, este acordo plenario suporía que a zona verde da Lama de Escairón pasaría de ser terreo dotacional deportivo á categoría de dotacional sanitario. O escrito presentado na Consellería pola Asociación Veciñal do Saviñao expón os motivos polos que se opoñen a esta decisión.

“EXPOLIO E ATENTADO URBANÍSTICO”
En primeiro lugar, este colectivo afirma que a instalación dun edificio con usos sanitarios en terreo destinado a usos deportivos “é considerado polos veciños un expolio e un atentado urbanístico”. No escrito, suliñan que esta decisión obrigaría a reducir “sustancialmente” o parque biosaudable e a súa área recreativa, que inclúe un platanar de gran beleza.

DESTRUCIÓN DO PARQUE NATURAL URBANO DA DEVESA E A LAMA
O factor medioambiental e paisaxístico desta zona constitúe outro dos argumentos en contra da decisión municipal, xa que a carballeira centenaria da Devesa e o conxunto deportivo da Lama é un dos parques naturais urbanos máis valorados da nosa provincia, según a Asociación.

ZONA DE AUGAS SUBTERRÁNEAS E GRAN HUMIDADE
Por outra banda, a propia configuración orográfica e xeolóxica dos terreos cedidos, situados nunha conca con augas pluviais e subterráneas, vai xerar unha “severa contradicción arquitectónica” se finalmente acolle o novo centro médico. “No inverno é unha verdadeira lagoa, e así vai ser moi difícil aillar o edificio da humidade natural do lugar”, argumentan dende este colectivo.

RISCO DE CONTAMINACIÓN PARA A TRAÍDA DE AUGA SUPLETORIA
O escrito elaborado pola Asociación Veciñal do Saviñao alerta tamén sobre o emprazamento da traída de augas supletoria que abastece ao pobo, e que quedaría “parcialmente baixo os cimentos do novo centro médico”, co conseguinte risco de filtracións accidentais procedentes de produtos “nocivos ou tóxicos propios da enfermería, ou por derrame do gasóleo da calefacción, ou incluso por roturas na instalación do alcantarillado”. Dende a Asociación estiman que, con este risco, as autoridades sanitarias procederían á clausura deste abastecemento.
Dende a Asociación estiman que, para paliar as carencias sanitarias do municipio, “bastaría con poñer un elevador, adecentar as actuais dependencias, e fundamentalmente, coa dotación suficiente de persoal sanitario”. Para a Asociación, “non é xustificable, nas circunstancias actuais, a inversión do millón e medio de euros programados pola Xunta, ademais dos previsibles riscos” que denuncian no seu escrito.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Avances das mesas sectoriais para o deseño das accións formativas do LuGoWork

Seguinte Nova

As XXIX Xornadas da Rota do Románico continúan no mes de xuño

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss