Avances das mesas sectoriais para o deseño das accións formativas do LuGoWork

•Dende a Deputación de Lugo levan organizado preto dunha decena de encontros cos empresarios e profesionais da provincia, para definir os contidos deste programa de emprego xuvenil participativo

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

• Ao longo do mes de maio, a Deputación de Lugo organizou unha serie de mesas sectoriais para explicar aos empresarios e profesionais de cada sector económico da provincia as características do LuGoWork, o primeiro programa de emprego xuvenil participativo. O obxectivo fundamental destas mesas sectoriais foi definir conxuntamente as accións formativas concretas deste programa, para responder ás necesidades reais que demandan as empresas e o mercado de traballo.

MÁIS INSERCIÓN LABORAL DA MOCIDADE LUCENSE, E POTENCIACIÓN DOS SECTORES PRODUTIVOS
O programa LuGoWork ofrecerá a un mínimo de 300 lucenses desempregados de 18 a 30 anos, formación e axudas económicas para que traballen por conta allea ou abran os seus negocios. Este programa está financiado con 2 millóns de euros, que a Deputación de Lugo logrou captar da Unión Europea, a través da Escola de Organización Industrial. Según explicaron dende o organismo provincial, as accións formativas do LuGoWork tratarán de acadar unha maior inserción laboral dos mozos e mozas participantes, ao tempo que se potencian os sectores produtivos.

DEMANDAS E PERFÍS PROFESIONAIS NO TRANSPORTE DE MERCANCÍAS
As mesas sectoriais convocadas pola Deputación cos empresarios e profesionais da provincia está a servir para detectar o que se demanda dende o mercado laboral, e poder aplicalo ao deseño das accións formativas do LuGoWork. Así, na reunión de traballo mantida polos responsables da Deputación coa Asociación de Transporte de Mercancías de Lugo, que conta con 250 asociados, os profesionais demandaron formación en condución eficiente, curso obrigatorio do CAP, e formación en prevención de riesgos laborais. Os representantes deste sector sinalaron que o 70% dos seus asociados son autónomos, e que son propietarios dunha media de entre 1 e 3 camións por usuario.

EXPECTATIVAS DE CRECEMENTO NO SECTOR DA CONFITERÍA
Pola súa banda, na mesa sectorial mantida este mes coa Asociación de Confiterías solicitaron colaboración para poñer en marcha programas formativos específicos. Así mesmo, destacaron que este sector ten moita complexidade polas quendas de traballo, pero afirmaron que, a día de hoxe, ten moitas expectativas de crecemento.

A MADEIRA: SECTOR CON FUTURO E QUE AXUDA A FIXAR POBOACIÓN NO RURAL
As mesas sectoriais previstas para o mes de maio tamén incluíron un encontro coa Asociación Primera Transformación de la Madera de Lugo, que representa a un total de 225 asociados, tanto vinculados a serradoiros como ao procesado da madeira. Nesta mesa, os empresarios demandaron formación académica para os profesionais do sector. Ademais, sinalaron que este campo ten un mercado de traballo con moito futuro, xa que na provincia móvense a diario 1.500 camións de madeira. A asociación insistiu na necesidade de profesionalizar este sector con formación regrada, xa que é un sector xove, con moito peso económico na provincia, e que ademais contribúe a asentar poboación no rural.

FORMACIÓN EN HABILIDADES COMERCIAIS E CAPTACIÓN DE NOVOS CLIENTES
Dende a Asociación de Mulleres Empresarias da provincia de Lugo, demandaron aos responsables do programa LuGoWork accións formativas para que os profesionais do sector empresarial adquiran maiores habilidades comerciais, ademais de formación en técnicas de atención ao público, e de captación de novos clientes e mercados. Ademais, consideraron fundamental acadar un bo manexo e coñecementos das novas tecnoloxías.

MAIOR ALFABETIZACIÓN DIXITAL, UNHA DEMANDA DO SECTOR TIC
Así mesmo, na mesa sectorial mantida cos representantes do sector das novas tecnoloxías da información e da comunicación (AGESTIC), as demandas centráronse en accións formativas concretas como a seguridade de internet e da información; o internet das cousas; desenvolvemento web; creación de contidos online ou maquetación. Neste sentido, o deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, coincidiu na “necesidade de implantar na sociedade estes novos coñecementos”, e apostou por “elaborar actuacións por bloques temáticos que sexan de carácter eminentemente práctico, buscando empresas da provincia de Lugo nas que facer prácticas e onde poidan adquirir e reforzar coñecementos”.

FERRAMENTAS PARA MAIOR PRODUTIVIDADE
Pola súa banda, a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), afondou na necesidade de adquirir formación sobre o ámbito comercial, o uso de ferramentas de produtividade empresarial, como as relacionadas coa contabilidade, así como sobre técnicas para o seguemento e fidelización do público. Ademais, destacaron a importancia de formar en novas tecnoloxías, para acadar o maior aproveitamento destas aplicacións, sobre todo das redes sociais e as súas posibilidades na empresa.•

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O CB Sarria continúa coa súa intensa axenda de actividades

Seguinte Nova

A Asociación Veciñal do Saviñao rexeita a cesión de terreos deportivos para o novo centro de saúde

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: