Compromiso do Goberno local para resolver as demandas dos empresarios do Reboredo

•Solicitaron que o Concello atenda melloras no alumeado público e no estado dalgunhas rúas, e que transmita a outras administracións a mellora das conexións por estrada

Imaxe da xuntanza de traballo entre o alcalde de Monforte, José Tomé, e os empresarios do polígono industrial do Reboredo.  GPCM.
Imaxe da xuntanza de traballo entre o alcalde de Monforte, José Tomé, e os empresarios do polígono industrial do Reboredo. GPCM.

• O pasado 12 de maio, o alcalde de Monforte, José Tomé, mantivo unha xuntanza cos empresarios do polígono. Esta reunión, que foi organizada conxuntamente por ambas partes, tiña como obxectivo «coñecer de primeira man os problemas que se atopan a diario os empresarios do polígono do Reboredo», precisou Tomé.

«PRIMEIRA REUNIÓN EN MOITOS ANOS»
O rexedor local suliñou tamén que esta reunión era a primeira que se facía en moitos anos, según lle comentaron os empresarios asistentes á xuntanza.

PETICIÓN DE MELLORAS NOS PRINCIPAIS SERVIZOS DO POLÍGONO
O alcalde de Monforte precisou que a reunión serviu para analizar as necesidades das empresas instaladas no polígono industrial, vinculadas especialmente aos servizos. Según trasnmitiu o rexedor local logo de rematada a xuntanza, os empresarios pediron que se procedera ao desbroce das parcelas de Sigalsa, o arranxo dalgunhas rúas que presentan un importante deterioro no firme, e diversas actuacións de mellora no alumeado público, para eliminar zonas de sombra. Así mesmo, os empresarios tamén trasladaron a Tomé o déficit de cobertura de internet e telefonía que padecen nalgunhas zonas do polígono, así como a necesidade de mellorar o servizo de saneamento e unha maior presión da auga da rede de abastecemento.
Por último, os empresarios do Reboredo reclamaron unha mellora nas comunicacións por estrada, comezando por unha conexión coa N-120.

COMPROMISO MUNICIPAL PARA AS MELLORAS
Pola súa banda, o alcalde de Monforte comprometeuse a desenvolver «tan pronto como se poida» todas aquelas peticións que entren nas competencias municipais.
Por outra banda, José Tomé comprometeuse a trasladar ás demais administracións as demandas de mellores conexións por estrada que lle fixeron chegar os empresarios.

COLABORACIÓN ENTRE CONCELLO E EMPRESARIOS
José Tomé confirmou a vontade do seu Goberno de continuar traballando nesta liña. O rexedor local anunciou que vai seguir convocando reunións periódicas para facer seguemento destes traballos, «na búsqueda dunha maior colaboración entre o Concello e os empresarios do polígono».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Visita institucional ao polígono industrial de Taboada

Seguinte Nova

A Área de Cultura da Deputación colabora coa iniciativa «Portabebés para Siria- Lugo», custeando os portes dos produtos aos campos de refuxiados

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: