• Preto de 40 xogadores de varios equipos do sur de Lugo participaron en Sarria no Torneo Preminibasket organizado na vila xacobea polo CB Sarria, en colaboración co Concello e a Xunta de Galicia, a través do programa Xogade.
A cita deportiva, que tivo lugar a mediados deste mes, non tivo carácter competitivo, polo que serviu para fomentar a confraternidade e a diversión a través da prática deportiva. A xornada completouse con diversas actividades lúdicas.
TABOADA, SARRIA E PORTOMARÍN
Na xornada participaron xogadores das Escolas Deportivas Municipais de Taboada e Portomarín, do CPRI Frei Luis de Granada de Sarria, o CPI Ramón Piñeiro de A Pobra de San Xiao, ademais dos colexios La Asunción e La Merced de Sarria.•
•O clube sarriao organizou un curso de primeiros auxilios para adestradores
• O CB Sarria organizou este mes un curso de primeiros auxilios para adestradores, promovido polo Colexio Oficial de Médicos de Lugo, e coa colaboración do Concello de Sarria.
O curso foi impartido polo doutor Ramón Muñoz, médico no Hospital Comarcal de Monforte, que impartiu unha clase teórica e prática sobre primeiros auxilios e reanimación cardiovascular básica.
Os adestradores participantes puideron praticar simulacións de masaxe cardiaco e uso do desfibrilador externo semiautomático. (Fotos cedidas). •