
•O pasado 14 de maio, o CV Ribeira Sacra conseguía un novo triunfo en Monforte ao acadar o Campionato Galego na modalidade cadete feminino.
TORNEO NA PINGUELA
A competición comezou forte, cun intenso partido entre as anfitrionas e o Jealsa Boiro Voleibol, que rematou co triunfo das monfortinas. Na segunda semifinal, enfrontáronse no pavillón de A Pinguela o Xuvenil de Teis e o CV Liceo, do que saíron finalistas as pontevedresas. Na final, as monfortinas dominaron con contundencia en boa parte do xogo, aínda que a xogadora do Xuvenil de Teis Sara Urrea, que foi MVP do torneo, conseguiu acortar distancias e sumarlle emoción ao partido. Finalmente, o CV Ribeira Sacra conseguiu a vitoria, o que lle dá acceso a disputar o Campionato de España entre o 15 e o 19 de xuño en Castellón.
Este éxito das cadetes do CV Ribeira Sacra súmase ao conseguido polas compañeiras da modalidade infantil, que tamén se proclamaron campionas galegas hai un mes.