• Ao longo da segunda quincena de maio, desenvolvéronse no sur de Lugo varias iniciativas de formación para a mellora da calidade da atención turística.
XORNADA EN SARRIA SOBRE A ATENCIÓN AO PEREGRINO, PRESENCIAL E NAS REDES SOCIAIS
A primeira xornada tivo lugar en Sarria, organizada pola Escola de Turismo Itinerante, e desenvolvida por persoal do Centro Superior de Hostalería de Galicia. O curso, que contou coa participación de preto de 25 profesionais de albergues e aloxamentos do Camiño de Santiago, abordou a atención ao peregrino, tanto de xeito presencial como a través das redes sociais. O curso destacou a importancia da carta de servizos dos locais e a forma de responder comentarios e solicitudes de información nas redes sociais, entre outras cuestións. Ademais, presentouse aos hosteleiros o proxecto Smart Camiño, co que Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxeron recentemente en marcha a web www.caminodesantiago.gal, co obxectivo de que o visitante teña unha ampla e correcta información sobre o Camiño e os servizos e ofertas complementarias.
ACCIÓNS FORMATIVAS EN MONFORTE E SARRIA SOBRE ESTÁNDARES DE CALIDADE TURÍSTICA
Pola súa banda, o día 19 deste mes tivo lugar en Monforte unha xornada formativa sobre “Modelo de calidade en destinos para os servizos do sector turístico”, organizada no Centro do Viño da Ribeira Sacra polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED) en colaboración con Turismo de Galicia. Á xornada, que contou coa participación de propietarios e traballadores de empresas turísticas dos 21 concellos que integran a Ribeira Sacra, asistiu a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias. “O principal obxectivo desta actividade formativa é homoxeneizar o nivel de calidade da Ribeira Sacra como destino turístico”, destacou Arias na presentación da xornada. A delegada territorial suliñou que esta actividade dá a posibilidade a todos os axentes turísticos, públicos e privados, “de acadar estándares de calidade análogos e xeren valor ao destino a través da fidelización do cliente”.
A mesma xornada celebrouse ao día seguinte en Sarria, e destinada aos profesionais do turismo que traballan no ámbito do Camiño Francés. A xornada contou coa participación de empresarios e traballadores turísticos dos municipios de Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Samos e Triacastela.
Arias informou de que as empresas participantes nestas xornadas do SICTED serán recoñecidas cun distintivo que acredita “o seu compromiso coa calidade turística”.•