•A iniciativa conta coa colaboración da Área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación •O torneo, que se desenvolve do 10 ao 12 de xuño, está integrado nas actividades da Irmandade Sarria-Guerledan

• Entre o 10 e o 12 de xuño, a selección infantil de fútbol da comarca de Sarria participará no XIV Torneo Internacional de Guerledan, en Bretaña.
VALORES DO DEPORTE: “COMPAÑEIRISMO, SOLIDARIEDADE E COLABORACIÓN”
A expedición dos 11 xoves deportistas, acompañados por dous adestradores e dous representantes da asociación Irmandade Sarria-Guerledan, organizadora da viaxe, partiron o 8 de xuño cara á localidade bretona, e antes da saída recibiron en Sarria a visita do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Deportes, o nacionalista Antonio Veiga. O titular provincial, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes de Sarria, Efrén Castro, e a presidenta da Irmandade Sarria-Guerledan, Elvira Vila, transmitiulles aos deportistas os mellores desexos nesta experiencia. “O importante deste evento é, sen dúbida, desfrutar dunha marabillosa viaxe e das relacións que poden xurdir ao redor do mundo do deporte, como o compañeirismo a solidariedade ou a colaboración”, suliñou Antonio Veiga. O responsable de Deportes desexoulles aos rapaces “que o pasen moi ben, e a bo seguro que Sarria estará ben representada no terreo de xogo”.
A organización da viaxe, que supón a terceira participación da selección infantil sarriana no Torneo de Guerledan, contou coa colaboración da Área de Deportes da Deputación. O XIV Torneo Internacional de Fútbol de Guerledan reúne a 175 equipos de 4 continentes, na que será a edición máis concurrida da historia deste evento, con 496 equipos solicitantes. En Guerledan, estarán equipos de alto nivel, como o París Saint-Germai ou o Olympique de Marsella. Dado que Sarria está irmandada con Guerledan dende o ano 1998, a selección sarriana ten dereito a competir directamente no torneo, sendo o único representante español na proba, xunto ao Barcelona Naise.•