•A cita será na Praia Fluvial de San Clodio, na fin de semana do 11 e 12 de xuño •Media ducia de produtores locais de cereixa e aceite ofrecerán os seus produtos, xunto a outros 25 expositores de artesanía, viño, licores e diversas especialidades
• A contorna da Praia Fluvial de San Clodio volve a centrar os actos de celebración da Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil, que celebra este ano a súa edición número catorce os días 11 e 12 de xuño.
AS CEREIXAS SERÁN MÁIS CODICIADAS ESTE ANO POLO MAL TEMPO
As condicións climatolóxicas que se produciron nos meses previos á colleita van convertir á cereixa nunha delicatessen aínda máis codiciada que en anos anteriores. «Aínda que temos cantidade suficiente para cubrir as necesidades da festa, este ano a produción foi moi baixa, debido á meteoroloxía», explicou Roberto Castro, tenente de alcalde de Ribas de Sil. A cereixa é un produto moi delicado, que experimenta dous momentos críticos ao longo da súa formación. «Durante a floración, a cerdeira está moi exposta ás xeadas, ou as chuvias abundantes, e este ano déronse as dúas cousas», suliñou Castro. Outro dos desafíos que debe superar este froito é a maduración, que neste mes de maio viuse dificultada polas baixas temperaturas, a chuvia e un sol apenas intermitente. Todo este proceso vai ter a súa repercusión nos prezos das cereixas, «un dos máis fluctuantes no mercado», según precisou Castro. Unha situación similar repetiuse na colleita e elaboración do aceite. «Temos suficiente para cubrir a festa, pero non houbo tanto como outros anos».
MÁIS DE 30 EXPOSITORES CON DIVERSOS PRODUTOS
Con todo, a calidade do produto e a riqueza paisaxística do entorno atraerán a centos de visitantes á Praia Fluvial de San Clodio, na que se darán cita media ducia de produtores de aceite e cereixa de Figueiredo e Casares, así como un total de 25 expositores de artesanía, viño, licores e repostería, entre outras especialidades, chegados de diversos puntos da contorna.
DEGUSTACIÓN DE CEREIXA POLAS MAÑÁS
A programación da XIV Festa da Cereixa e do Aceite comezará na mañá do sábado 11 de xuño, con pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas de Ribas de Sil, que dará paso á apertura do recinto feiral, coa tradicional degustación de cereixas. Xa pola tarde, poderase visitar na Aula de Pesca, a partir das seis, a exposición de pintura dos traballos do alumnado da Escola Municipal. Esta mostra complétase cunha xornada de pintura ao aire libre.
O deporte ten o seu espazo a partir das 19,30 horas, co oitavo Trofeo de Fútbol da Cereixa, que se xogará na área deportiva da Praia Fluvial. Xa ás nove, terá lugar a lectura do pregón, a cargo de Alfredo García Rodríguez, presidente da FEGAMP e alcalde de O Barco de Valdeorras. A partir das nove e media, haberá festa e baile a cargo dun grupo musical.
FESTIVAL DE MÚSICA E DEMOSTRACIÓN DE XOGOS TRADICIONAIS
A mañá do domingo 12 de xuño iniciarase con pasarrúas e degustación de cereixas no recinto feiral. A música ambiente estará a cargo da charanga Madialeva e o Grupo de Gaitas da Deputación de Lugo dende as 11, e a partir das 12,30 horas celebrarase un Festival folclórico e musical, no que participarán os Grupos de Gaita da Escola de Música de Ribas de Sil, da Deputación de Lugo, e o grupo de gaitas A Petaca do Demo, ademais da charanga Madialeva. Ao longo da xornada, estará aberta a exposición de pintura na Aula de Pesca.
Ás cinco da tarde, terá lugar a actividade «Xoga co inxenio», na que un artesán especializado en recuperar xoguetes antigos amosará a nenos e maiores as posibilidades lúdicas dos xogos doutras épocas. A diversión continuará ás sete, cun espectáculo a cargo de Títeres Cascanueces, que representarán a obra «Un diaño na maleta».
A música voltará ás oito da tarde, coa charanga Madialeva, coa que rematarán os actos festivos en San Clodio.•