Sarria ensalzará a cultura e a historia galegas na I Festa Irmandiña

•Artesanía, xogos e obradoiros, música e outras actividades encherán a vila xacobea os días 15, 16 e 17 do vindeiro mes de xullo

Presentación da I Festa Irmandiña, co responsable da Área de Cultura da Deputación, a concelleira de Cultura de Sarria, o concelleiro de Participación Cidadá, e o coordinador do evento. GPVDL.
Presentación da I Festa Irmandiña, co responsable da Área de Cultura da Deputación, a concelleira de Cultura de Sarria, o concelleiro de Participación Cidadá, e o coordinador do evento. GPVDL.

• Sarria conta cun novo evento festivo do verán. Os días 15, 16 e 17 do vindeiro mes de xullo, a vila xacobea celebrará a I Festa Irmandiña, unha iniciativa organizada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Sarria.

UN EVENTO QUE SERÁ “ESCAPARATE DA CULTURA E DA HISTORIA GALEGA”
Na presentación do evento, os responsables de ambas institucións coincidiron en sinalar o interés para Sarria dun evento destas características. “A Festa Irmandiña convertirase no escaparate da cultura e da historia galegas”, suliñou o deputado responsable da Área de Cultura da Deputación, o nacionalista Xosé Ferreiro. O evento destaca tanto pola súa ubicación, na Praza Maior aos pés da Torre da Fortaleza de Sarria, como polo seu contido, xa que reunirá ao mellor da artesanía galega.

CAMPAMENTO IRMANDIÑO, LOITA MEDIEVAL, E OBRADOIROS E XOGOS PARA OS MÁIS CATIVOS, ENTRE OUTRAS ACTIVIDADES
Según explicou Ferreiro, ademais dos expositores de artesanía, a I Festa Irmandiña ofrecerá obradoiros infantís, un campamento irmandiño, zona de xogos tradicionais galegos para os máis cativos, unha recreación das loitas irmandiñas, que expulsaron aos Condes de Lemos das rúas de Sarria, unha cea medieval, variados espectáculos de animación de rúa, música, e demostracións artesanais, entre outras actividades.

“IMPORTANTE” PARTICIPACIÓN DOS ESTABLECEMENTOS DE SARRIA
Na presentación do evento participaron a concelleira de Cultura de Sarria, Mónica López; o concelleiro de Participación Cidadá, Efrén Castro; e o coordinador da festa, Anxo Fernández. Dende o Concello de Sarria, animaron á veciñanza, e tamén aos visitantes, a participar activamente na I Festa Irmandiña. Mónica López adiantou que xa se está a promover un sorteo de premios, no que colaboran diversos establecementos de Sarria. “Trátase dunha serie de vales-regalo que se sortearán durante a propia fin de semana da Festa entre as persoas que participen empregando vestimentas da época”, explicou a concelleira de Cultura. Mónica López precisou que haberá premios tanto para adultos como para nenos, e que se porán en marcha obradoiros nos que confeccionar as vestimentas de época. Tamén se premiarán os balcóns e fachadas que se engalanen para a ocasión, precisou López.
Pola súa banda, o concelleiro de Participación Cidadá, Efrén Castro, agradeceu a “importante” participación dos establecementos da vila, “algo fundamental, xa que queremos que esta Festa Irmandiña sexa de todos os sarriaos, e que se consolide no tempo”.
Nos vindeiros días, comezará a desvelarse o programa da I Festa Irmandiña, sobre todo a través da páxina de Facebook www.facebook.com/FestaIrmandiñadeSarria. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

UGT-Lemos critica “a euforia do Goberno”, e alerta de que “seguimos tendo máis paro que en 2008”

Seguinte Nova

Novas propostas para disfrutar da carne de vaca en Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: