• O sindicato UGT-Lemos vén de criticar “a euforia do Goberno” central ante o descenso do paro no noso país. Dende a formación sindical alertan de que no sur de Lugo “seguimos tendo máis paro que en 2008”. Ademais, según precisou o secretario xeral de UGT-Lemos, Mario Docasar, o 20% das persoas que están empregadas teñen dificultades para chegar a fin de mes.
NA COMPARATIVA ENTRE MAIO 2008 E MAIO 2016, SÓ BAIXOU O PARO NO SAVIÑAO E NA POBRA DO BROLLÓN
Docasar ofrece unha comparativa dos datos do desemprego rexistrados nos concellos do sur de Lugo en 2008 e en 2016, evidenciando que tan só en dous municipios, O Saviñao e A Pobra do Brollón, houbo unha lixeira baixada do paro.
No caso de Monforte, e comparando os datos de maio de 2008 e maio 2016, a subida do paro foi do 22,6%, mentres que no Incio o aumento foi do 17,9%. En Bóveda, no mes de maio de 2016 houbo un 10,1% máis de parados que no mesmo mes de 2008. En Carballedo, os datos facilitados por UGT-Lemos falan dunha subida do 50,7% do paro entre os dous periodos, mentres que en Pantón o incremento foi do 17%.
Os datos para Chantada falan dunha subida do desemprego nun 25% dende 2008 ata a actualidade, e no municipio de Taboada o paro medraría nun 24,8% ao longo do mesmo periodo.
Para Quiroga, o incremento do paro está no 34,7%, en Ribas de Sil é do 24,5%, e en Folgoso do Courel o incremento do paro entre maio de 2008 e maio de 2016 foi do 45,2%.•