Sarria, sede da fase inicial do Campionato de España infantil de baloncesto masculino

•A competición nacional da categoría infantil masculina concentrará en Sarria un total de 12 partidos, entre os días 12 e o 14 de xuño •Serán oito os equipos que xogarán en Sarria, entre eles o Real Madrid e o Gran Canaria

Imaxe de arquivo correspondente a un dos partidos disputados polo Real Madrid infantil masculino na pasada edición do Campionato de España. O equipo madrileño será un dos grupos estrela que xogarán na fase inicial de Sarria, o domingo 12 de xuño. (Foto cedida: RFEB).

• A provincia de Lugo será a protagonista do Campionato de España de Baloncesto infantil masculino, que se celebrará do 12 ao 18 de xuño en Lugo e Sarria. Un total de 32 equipos procedentes de toda a xeografía española estarán presentes na cita lucense, repartidos en oito grupos de catro equipos cada un.

IMPORTANTES EQUIPOS EN SARRIA
No sorteo celebrado a comezos deste mes, déronse a coñecer as combinacións que estructurarán as probas deportivas. Así, xogarán en Sarria entre o 12 e o 14 de xuño un total de oito equipos, integrados nos grupos A e F. A vila xacobea poderá disfrutar coa participación de equipos de primeiro nivel, como o Real Madrid e o Gran Canaria.

O DOMINGO 12 DE XUÑO ARRANCA A COMPETICIÓN
O domingo 12 de xuño, primeira xornada de competición, iniciarase en Sarria cos equipos do grupo F. O encontro inaugural será ás 10, co partido entre o Doctor Azua de Zaragoza, segundo na liga aragonesa, e o Crown Jairis, da localidade murciana de Alcantarilla, primeiro clasificado na competición autonómica de Murcia.
O segundo partido disputarase ás 12, entre o Unión Financiera Baloncesto Oviedo, campión de Asturias, e o galego Altersaúde Peixegalego, de Marín, que foi segundo na liga galega.
Pola tarde, competirán os equipos do grupo A. Ás 17 horas, o Gran Canaria enfrontarase ao Real Madrid, actual campión da Minicopa, e ás sete xogarán o Baloncesto Sevilla e o Valencia.

PARTIDOS DA SEGUNDA XORNADA EN SARRIA
A xornada do luns 13 de xuño comezará ás 10 co partido entre a Unión Financiera Baloncesto Oviedo e o Crown Jairis, para continuar ás 12 co encontro entre os de Marín e os zaragozanos. Pola tarde, ás cinco enfrontaranse o Valencia e o Gran Canaria, e ás sete xogarán o Baloncesto Sevilla e o Real Madrid.

REMATE DA FASE SARRIANA DA COMPETICIÓN, O MÉRCORES DÍA 14
A xornada do mércores 14 de xuño porá fin á competición na sede de Sarria. Ás 10, será o partido entre o equipo de Zaragoza e o de Oviedo, e ás 12 enfrontaranse o Crown Jairis e o Altersaúde Peixegalego. A tarde será a quenda de despedida do grupo A, co partido, ás cinco, entre Gran Canaria e Baloncesto Sevilla, e ás sete o de Real Madrid contra Valencia.

APOIO DA VICEPRESIDENCIA PROVINCIAL AO DEPORTE BASE
A organización do Campionato de España de Clubes da modalidade infantil masculina corre a cargo da Federación Galega de Baloncesto e dos equipos Club Estudiantes Leyma Natura de Lugo e CB Sarria. Este evento conta coa colaboración, entre outros, da Área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Según apuntou o vicepresidente provincial, Antonio Veiga, durante a presentación do campionato o pasado mes de febreiro, o seu departamento está a prestar constante apoio ao deporte base, en todas as disciplinas deportivas, como nesta ocasión ao baloncesto en categoría infantil.
Pola súa banda, o presidente do Estudiantes Lugo, Jesús Lázare, destacou na presentación do campionato o carácter “provincial” desta competición, xa que “Lugo é unha provincia de baloncesto”. O impacto económico estimado pola organización deste evento é de 2 millóns de euros, que repercutiría non só nas dúas sedes, senón tamén en vilas como Guitiriz, Vilalba ou Monforte, que servirán de base para os participantes. Lázare precisou que se esperan 500 deportistas, máis un cento de persoas entre técnicos e persoal federativo, ademais dos familiares e acompañantes dos deportistas.
O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, cualificou de “acerto” levar o campionato ata Sarria. Tamén, o presidente do CB Sarria, Francisco García, destacou a oportunidade que este campionato ofrece a Sarria “para disfrutar de baloncesto de primeiro nivel”, e “promover este deporte entre os nenos e nenas da vila”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte recoñeceu aos mellores deportistas do ano na Gala do Deporte

Seguinte Nova

O CEIP A Gándara, subcampión benxamín e alevín no Campionato provincial de Voleibol

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: