A Consellería de Educación investirá máis dun millón de euros en 19 obras nos centros de ensino do sur de Lugo

Rolda de prensa da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na que anunciou os investimentos do Goberno galego nos centros de ensino públicos da provincia de Lugo. GPDTL.
Rolda de prensa da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na que anunciou os investimentos do Goberno galego nos centros de ensino públicos da provincia de Lugo. GPDTL.

• A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de consignar algo máis de un millón de euros para financiar un total de 19 obras en centros de ensino públicos do sur de Lugo. Así o anunciou en rolda de prensa a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o pasado 13 de xuño, na que especificou que oito destas actuacións corresponderán a centros situados en Monforte.

CENTROS DO SUR BENEFICIARIOS DESTAS MELLORAS
Arias destacou a intervención prevista no IES Daviña Rey, que contará co investimento máis alto, máis de 200.000 euros, para levar a cabo unha reforma na zona de talleres, e unha obra para facilitar a accesibilidade. O IES A Pinguela tamén se vai beneficiar de diversas obras, algunhas en materia de accesibilidade. O resto das intervencións serán nos CEIP de Pantón, Currelos, Sober, e Bóveda, e no CPI Poeta Uxío Novoneira en Seoane do Courel. A lista complétase co CEIP Xosé Luis Taboada de Carballedo, o CPI de Taboada e os CEIP Xoán de Requeixo e Eloisa Rivadulla de Chantada.
Arias salientou que case todas as actuacións vanse desenvolver durante os meses de verán, para evitar que interfiran no normal desenvolvemento da actividade docente.

PRETO DE 7 MILLÓNS DE EUROS DA XUNTA PARA OBRAS NO TOTAL DOS CENTROS DA PROVINCIA
Para o conxunto da provincia de Lugo, Arias explicou que a Xunta vai investir preto de 7 millóns de euros, nun total de 127 obras. A delegada da Xunta en Lugo precisou que as principais reformas refírense á eficiencia enerxética, á reparación de cubertas, e á ampliación de centros e execución de obra nova, principalmente en centros de Formación Profesional. “A aposta da Xunta pola FP ponse de manifesto tamén no investimento dedicado ós centros que a albergan”, suliñou Arias, e engadiu que “un ensino de calidade, ademais dunha boa docencia e un alumnado predisposto e aberto a aprender, require instalacións axeitadas, confortables, accesibles e dotadas do equipamento preciso”.
Raquel Arias indicou que as obras beneficiarán a un total de 96 centros de ensino público en 46 concellos.•

Novas opcións formativas no IES A Pinguela de Monforte e no IES Val do Asma de Chantada para o vindeiro curso

• Educación anunciou a posta en marcha, no vindeiro curso 2016-2017, de novas opcións formativas en centros do sur de Lugo.

DOUS NOVOS CICLOS SUPERIORES DE FP DUAL EN CHANTADA
Por unha banda, o IES Val do Asma de Chantada ofrecerá dende setembro dous ciclos de Formación Profesional Dual, unha das apostas da xestión da Consellería nesta lexislatura. As novas opcións para estudar en Chantada será o Ciclo Superior en Administración e finanzas, e o Ciclo Superior en Axencias de viaxes e xestión de eventos, co grupo Hotusa.

GRAO SUPERIOR EN DESENVOLVEMENTO DE APLICACIÓNS WEB, NO IES A PINGUELA
Pola súa banda, o IES A Pinguela de Monforte ofertará dende o vindeiro curso o Grao Superior en Desenvolvemento de aplicacións web, que vén substituír ao de Administración de sistemas informáticos en rede que se viña impartindo no centro monfortino. Outra das novidades que incorpora o IES A Pinguela é que o Ciclo Medio en Sistemas microinformáticos e redes pasa de réxime modular a ordinario.
Outros centros con novas ofertas educativas son os de Ribadeo, A Fonsagrada e o CIFP As Mercedes de Lugo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha a nova tempada do Tren Turístico da Ruta do Viño da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

A Xunta apoia a creación dunha nova Indicación Xeográfica Protexida para a carne de vaca e boi de Galicia

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: