•Coas modificacións suxeridas, o Goberno provincial levará o novo documento ao vindeiro Pleno

• A mediados deste mes, celebrouse en Lugo a xuntanza de traballo con alcaldes e traballadores sociais que convocou o deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, tras acordalo coa deputada provincial do Partido Popular, Mari Teijeiro, para abordar a nova ordenanza sobre o servizo de Teleasistencia. “Queremos acadar o maior apoio á ordenanza por parte dos profesionais deste sector, que son os que mellor coñecen a situación e as necesidades dos demandantes desta prestación”, suliñou Santos. A xuntanza contou coa presenza do vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, xa que foi responsable desta prestación no anterior mandato. Na reunión déronse cita ducias de alcaldes de toda a provincia e máis de 50 traballadores sociais, que perfilaron diversas cuestións sobre este servizo.
A ordenanza que o Goberno provincial levara ao Pleno de maio e deixou “enriba da mesa por petición do PP”, segundo precisou Álvaro Santos, contou co beneplácito dos rexedores e traballadores sociais presentes na meirande parte dos puntos que inclúe.
DÚAS MODIFICACIÓNS
Os participantes solicitaron incorporar dúas engádegas, que o deputado de Promoción Social comprometeuse a incorporar ao texto que levará ao vindeiro Pleno.
A primeira modificación consiste en eliminar como posible beneficiarios do servizo de Teleasistencia da Deputación ás persoas que conten con grao de dependencia recoñecido oficialmente, pois estas son as únicas que se poden beneficiar da prestación da Xunta. Na proposta do Goberno provincial xa se establecía como posibles beneficiarios a maiores ou persoas que sofren algunha limitación na súa autonomía, pero tamén a aqueles recoñecidos como dependentes que quedaren fóra das axudas da Xunta.
A outra engádega consiste en suprimir o criterio de renda na valoración das axudas do servizo, pois houbo acordo en facer primar os novos criterios socio-sanitarios que introduciu á ordenanza.•