•A programación que organiza a Área de Deportes da Deputación de Lugo permite a asociacións de concellos de menos de 5.000 habitantes contar con actividades para todo tipo de públicos, a cargo de monitores especializados
• Saír da casa, relacionarse e manterse en forma para disfrutar dunha mellor calidade de vida son os obxectivos do programa de actividade física que organiza a Área de Deportes da Deputación de Lugo.
ARREDOR DE 1.000 PARTICIPANTES EN TODA A PROVINCIA
Posto que no rural lucense é complicado dispoñer dunha axeitada programación, dende o organismo provincial deseñaron esta iniciativa específica para asociacións de concellos de menos de 5.000 habitantes, «xa que, en moitos casos, é a única opción que teñen para desenvolver unha actividade física», explica Merce Reigosa, coordinadora do programa. Este mes vén de rematar a primeira fase desta iniciativa, que terá continuidade en outubro, e na que participaron 83 asociacións, 25 das cales corresponden a colectivos con capacidades diferentes. «Aí non hai requisito poboacional, poden solicitala dende calquer concello lucense», suliña Reigosa, como sucede en Monforte de Lemos, onde participan no programa as asociacións Afamon, Auxilia e Agora. No sur de Lugo, son un total de 16 os colectivos beneficiados por este programa, no que toman parte asociacións de Bóveda, A Pobra do Brollón, Taboada, Carballedo, Samos e O Saviñao. No total da provincia, a participación mantense como en anos anteriores, en torno ás 1.000 persoas.
SESIÓNS SEMANAIS ADAPTADAS A CADA COLECTIVO
O programa de actividade física organízase ao longo de 3 horas semanais, adaptadas a tres xornadas dunha hora, ou dúas de hora e media, segundo o estimen as asociacións. Un total de 14 monitores especializados fanse cargo das sesións, e ademais adaptan a actividade ás necesidades de cada colectivo. «Por exemplo, na Pobra do Brollón desenvólvese un programa de multideporte, xa que é a AMPA a solicitante, e vai dirixido a un público máis xove», explica Merce Reigosa, aínda que o público maioritario deste programa «son os nosos avós, os maiores, e para eles cada monitor vai propoñendo actividades adaptadas, fundamentalmente ximnasia de mantemento, aínda que tamén pilates ou aerobic, se algún grupo o pide».
GRAN DEMANDA E ACEPTACIÓN
O que sí demandan os usuarios é a continuidade deste programa, que ten «moitísima aceptación e demanda», precisa a coordinadora. «Están encantados, este mes preguntaban cando volve a empezar», destaca Merce Reigosa. O programa é gratuíto, xa que o financia integramente a Área de Deportes da Deputación, e ademais, oportuno. «Nos concellos pequenos hai moita necesidade latente deste tipo de actividades, polo que o programa encaixou perfectamente con esta demanda», suliña.•