•Entre xullo e setembro haberá propostas en torno ao deporte, a natureza e a cultura •En agosto, Quiroga celebrará as Festas do Verán, cunha nova edición da Mostra do Mel
• En Quiroga está todo listo para iniciar o Programa Verán 2016, que neste mes de xuño inclúe o remate das actividades que se veñen realizando ao longo do curso, tanto para adultos como para menores.
DEPORTE, CREATIVIDADE E TEATRO, ALGUNHAS DAS PROPOSTAS PARA XULLO EN QUIROGA
O mes de xullo abrirase cos Campamentos de Verán, que se desenvolverán en xullo e agosto de luns a venres. Para a mocidade, está deseñado o Plan de Ocio Xuvenil, que terá lugar os venres e sábados. Tamén haberá tempo para a formación, coas clases de preparación de Competencias Clave e Graduado en E.S.O. para adultos, que organiza a Área de Servizos Sociais do Concello de Quiroga.
O deporte virá da mán da II Liga de Fútbol Sala de Verán Concello de Quiroga, organizada pola Área de Deportes, e para os máis novos, está deseñado o Campus de Fútbol Concello de Quiroga, que se desenvolverá na semana do 11 ao 16 de xullo. O mes rematará tamén cun evento deportivo. Será o Night Trail Quiroga, o día 30 de xullo.
A creatividade estará presente nos concurso de Fotografía e de Debuxo, que culminarán cunha exposición de fotografía o día 19. Pola súa banda, o teatro terá a súa cita o sábado 2 de xullo, coa representación da adaptación da obra de Manuel María “Sonetos ao Val de Quiroga”, a cargo do alumnado de Teatro de Quiroga. Pola súa banda, o 25 de xullo celebrarase o Día de Galicia no Concello de Quiroga, cunha serie de actos conmemorativos.
A natureza centrará tamén diversas actividades o vindeiro mes en Quiroga. O día 3 de xullo, o CIM de Quiroga organiza unha excursión en catamarán pola Ribeira Sacra. Pola súa banda, a natureza e a etnografía serán as protagonistas do Campamento de Xeoloxía, que organiza a partir do día 15 a Área de Xuventude e a Xunta de Galicia.
VIAXE A AQUAPARK, MÚSICA, FESTAS DO VERÁN E MOSTRA DO MEL EN AGOSTO
En agosto terán continuidade os Campamentos de Verán para os máis cativos, de luns a venres, en horario de mañá. Para nenos e mocidade, a Área de Educación, Infancia e Xuventude de Quiroga organiza unha viaxe ao Aquapark de Cerceda, en data por determinar.
Pola súa banda, os maiores terán a oportunidade de seguir o curso de estimulación cognitiva no Centro Social de Quiroga, os luns, mércores e venres de agosto, organizado pola Área de Benestar e Afamón.
O día 1 iníciase o Campo de Traballo Castelo de Novaes, dentro do programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta.
Do 5 ao 7 de agosto terán lugar as Festas de Verán de Quiroga. O día 5 estará cheo de actos, coa celebración da XI Festa da Comunidade no Parque da Constitución, o III Torneo Street Soccer neste mesmo espazo, ademais do concerto da Banda de Folk de Ribas de Sil, organizado pola Área de Cultura de Quiroga e coa colaboración do programa Musiqueando da Deputación de Lugo. A Festa da Xuventude servirá para pechar esta xornada festiva.
O día 6 de agosto desenvolverase a Tarde de Maxia na Praza de España, a cargo de Apren-Deimi, organizado polo Concello de Quiroga e o AGADIC da Xunta de Galicia. Xa o día 7 terá lugar a actividade Pinta con Xiz, e o espectáculo de rúa
“A invasión pirata”, a cargo de Troula Animación, organizada polo Concello de Quiroga e a colaboración de AGADIC. O domingo 10 de agosto celebrarase a XXIV Mostra do Mel de Quiroga.
O deporte voltará, esta vez da man do baloncesto, co IX Basket Training Camp, do 15 ao 21 de agosto. O día 27 será o turno da cultura, co XVII Encontro de Poetas no Val de Quiroga.
A partir do 28 de agosto, e ata o 12 de setembro, poderá verse a exposición colectiva de pintura “Catro médicos polo Sil”, organizada pola Área de Cultura.
AXENDA DE SETEMBRO
Xa en setembro, recupéranse as clases de preparación en Competencias Clave e Graduado en E.S.O. para adultos, e os cursos de estimulación cognitiva para maiores no Centro Social. Ademais, terá lugar o Día da Bicicleta, arrincarán os adestramentos da tempada da liga regular en fútbol sala feminino, fútbol xuvenil senior. Por último, o sábado 17 de setembro terá lugar un Obradoiro Minichef no Albergue municipal.•