•A Irmandade Cultural País do Faro vén de presentar en Chantada o primeiro número da Revista Alicerces
• Chantada e as terras da contorna do Miño contan dende este mes cunha nova publicación cultural. «Alicerces: Revista de estudos do Miño medio» foi presentada en sociedade o pasado 11 de xuño, nun acto celebrado no Auditorio de Chantada. O primeiro número desta publicación, editada pola Irmandade Cultural País do Faro, ofrece, ao longo das súas 250 páxinas, un compendio de artículos sobre historia, proxección económica, arte ou etnografía dos municipios de Chantada, Taboada, Carballedo, Pantón e O Saviñao. O obxectivo desta nova revista é analizar, da man de investigadores e estudiosos das diversas disciplinas, o pasado, presente e futuro dos concellos da Ribeira Sacra bañados polo río Miño.
UN TRABALLO DE TRES ANOS
Segundo explicou o presidente da Irmandade Cultural País do Faro, Andrés Pavón, a idea foi promovida por Claudio Otero, membro desta asociación, colectivo que madurou o proxecto durante estes tres últimos anos, ata dar como resultado o número inaugural de Alicerces. A demora no tempo debeuse, segundo explican os responsables da revista, pola aparición de novos autores que desexaban colaborar, así como polas dificultades propias do proceso de edición. Dende a Irmandade esperan contar coa colaboración das administracións públicas para financiar este proxecto, agora que xa está rematado.
EQUIPO IMPULSOR DE ALICERCES
«Alicerces: Revista de estudos do Miño medio» está dirixida por Xosé Méndez, párroco e investigador do CSIC que ten publicado estudios sobre o Mosteiro de San Salvador de Asma. O consello de redacción da revista está integrado por Xosé Méndez, Claudio Otero, mestrado en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica da USC; Andrés Pavón, presidente da Irmandada Cultural País do Faro; José Antonio Quiroga, vinculado á Fundación Xosé Soto de Fión e un dos promotores do Ecomuseo de Arxeriz; e Begoña González, licenciada en Historia da Arte e investigadora.
SOCIOLOXÍA, TOPÓNIMOS E HISTORIA ECONÓMICA, ADEMAIS DE COLABORACIÓNS PERIODÍSTICAS E
LITERARIAS
O primeiro número de Alicerces inclúe, entre outros, un artigo firmados pola socióloga Julia Varela; unha análise estatística sobre os concellos da comarca a cargo de Raúl Jácome, membro do Instituto Galego de Estatística; un traballo do párroco Nicandro Ares, experto en toponimia; e un estudo sobre patrimonio da historiadora e arqueóloga Begoña González, gañadora do Premio de Investigación Condado de Pallares. A revista conta cunha colaboración narrativa de Rubén Eyré, gañador do Premio Vicente Risco de Creación Literaria, e unha entrevista a Xosé Mouriño Cuba, pai espiritual da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, realizada por Andrés Pavón.
O deseño da portada estivo a cargo do pintor de Carballedo Xosé Randolfe Vilariño.•