
• Dende xuño e ata o mes de setembro, o programa “Galicia a todo Tren” ofrecerá un total de nove itinerarios en ferrocarril para disfrutar dos principais atractivos turísticos, gastronómicos e paisaxísticos da nosa Comunidade. Dentro deste programa, o Tren Turístico Ruta do Viño Ribeira Sacra realizou a primeira viaxe da tempada o pasado 13 de xuño. O tren Aba Sacra partiu da estación de Ourense, e ofrece a posibilidade de realizar unha visita á adega Regina Viarum, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte, un paseo en catamarán polo Canón do Sil, así como visitar o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil como a Aula do Ferrocarril dos Peares.
TENDENCIA POSITIVA NAS CIFRAS DE TURISTAS NA RIBEIRA SACRA
Nesta primeira viaxe do ano, participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que salientou a crecente importancia da Ribeira Sacra como destino turístico. Castro explicou que en 2015 a Ribeira Sacra contabilizou máis de 173.000 viaxeiros e máis de 258.000 pernoitas, cifras que supoñen incrementos da demanda dun 12,5% e dun 9,7%, respectivamente, en relación a 2014. Nava Castro precisou que esta tendencia positiva está sendo aínda máis forte no que levamos de ano, xa que no primeiro cuadrimestre a Ribeira Sacra xa rexistrou un incremento do 3,2% nos viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros e do 9,9% nas pernoitas, en relación ao mesmo período do ano anterior.
Nava Castro explicou que o Tren Turístico Ruta do Viño Ribeira Sacra, posto en marcha marcha pola Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense a través do Inorde, ten como obxectivo contribuír con esta tendencia positiva que está a experimentar o turismo local.•
•Dúas novas rutas de Trens Turísticos en Galicia
•Este ano arrancan como novidade a ruta “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”. A primeira circulará entre A Coruña e Lugo os días 1 e 22 de outubro e amosará a riqueza termal galega, como o balneario de Guitiriz, e tamén o Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade en 2015, ademais da cidade de Lugo.
A segunda ruta sairá desde Santiago de Compostela os días 2 de xullo e 17 de setembro e achegará aos visitantes ás beiras do río Miño, amosando un patrimonio etnográfico centrado na lamprea. Este percorrido tamén ofrece, entre outras actividades, visitar o Pazo de Lourizán e os seus xardíns, que conteñen unha mostra da botánica forestal de extraordinario relevo en Galicia, e unha pausa para comer en Pontevedra e visitar a cidade. Ademais, o percorrido inclúe a visita a unha adega da denominación de orixe Rías Baixas.
Cada unha das nove rutas do programa “Galicia a todo tren” pódese realizar nun día. Ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias e visitas guiadas.•