José Tomé Roca fixo balance do seu primeiro ano como alcalde de Monforte

•O socialista destacou que ao longo destes 12 meses de xestión “atacáronse de raíz todos os problemas relevantes que estaban enquistados no Concello de Monforte”

O alcalde de Monforte, José Tomé, supervisando o resultado das obras rematadas no barrio do Hospital, en abril. Arquivo EC
O alcalde de Monforte, José Tomé, supervisando o resultado das obras rematadas no barrio do Hospital, en abril. Arquivo EC

• O pasado 13 de xuño, cumplíase o primeiro ano de mandato de José Tomé Roca (PSdeG-PSOE), o primeiro alcalde socialista que ten Monforte de Lemos dende a transición democrática. Tomé aproveitou a efeméride para facer balance destes primeiros 12 meses de xestión á fronte do Consistorio monfortino, balance marcado por “ter atacado de raíz os problemas relevantes que estaban enquistados no Concello”. Esta ocasión “para rendir contas aos veciños”, e tamén para botar en cara a falta de axuda da oposición “sobre todo en cousas importantes como a aprobación dos orzamentos”, foi aproveitada por Tomé para definir a situación actual no Consistorio como “de cambio ben sustantivo”. “Dixemos que as cousas non ían seguir paralizadas como estaban, e cumplímolo”, destacou o rexedor socialista.

PAGO DE DÉBEDAS PENDENTES
Para Tomé, un dos obxectivos máis urxentes tiña que ver cos pagos pendentes. O alcalde socialista destacou que, neste primeiro ano de mandato, “saldamos a débeda con Sogama, sen ter en conta a subida unilateral, pagando uns 400.000 euros”. Tamén no apartado de débedas pendentes, o Goberno local regularizou o pago de facturas que non tiñan crédito, “as chamadas facturas de caixón”, por máis de 155.000 euros.

ARRANXO DO PROBLEMA DA AUGA NO BARRIO DO HOSPITAL
Outra das cuestións que se abordaron con urxencia no Concello foi o problema do abastecemento de auga potable no barrio do Hospital, onde dende había varios anos eran constantes as molestias derivadas da falta de presión da auga, as roturas e as avarías. Tomé destacou que “cun investimento de 238.000 euros, este equipo de Goberno solucionou definitivamente este problema”.

ASUNTO AQUALIA
José Tomé explicou tamén o estado da cuestión en torno á relación coa empresa concesionaria do suministro de auga. “Por primeira vez en 15 anos de concesión, o Concello estableceu un proceso de diálogo con Aqualia para normalizar o cumprimento do contrato”, precisou. O alcalde apuntou que os traballos dos técnicos, tanto do Concello como da empresa, xa remataron, e xa están emitidos tamén os informes de Secretaría e Intervención. “Estes informes conclúen que houbo un incumplimento sistemático do contrato polas dúas partes, Concello e empresa”, explicou Tomé. Logo de quedar rematados os traballos, o alcalde anunciou que se están a analizar os informes dos técnicos municipais, que se debatirán en Pleno para tomar “dúas decisións posibles”. A primeira opción sería, segundo o alcalde, normalizar o cumprimento do contrato polas dúas partes para os dez anos que aínda quedan de contrato, tanto pola empresa como polo Concello. A segunda, acudir a un contencioso “e que sexan os tribunais os que, algún día, digan que responsabilidade ten cada quen en todo isto, tanto o Concello como a empresa”. Sobre a posibilidade de elixir a vía xudicial, Tomé lembrou que “ata agora, as sentenzas son desfavorables para o Concello”.

PORTO SECO
O alcalde destacou como un dos fitos destes 12 meses de mandato “a solución para dar saída á implantación de empresas no Porto Seco, dotándoo dun saneamento propio, do que ninguén falaba”. Os primeiros pasos están dados, coa sinatura dun convenio de colaboración coa Consellería de Infraestruturas, e “facendo un esforzo económico moi importante de 144.000 euros”. “Agora, e con esta xestión, si se poden dar licenzas ás empresas”, destacou, “xa que antes non se podía, a pesar de que coñecían o problema dende 2011”.
No eido empresarial, Tomé suliñou a colaboración que está a iniciar cos empresarios do Reboredo, “en vías de resolver problemas e demandas que levan latentes moitos anos”. O alcalde lembrou tamén a recuperación do contrato e impulso dos traballos de redacción do Plan Especial do Casco Histórico, paralizados dende 2013.

EMPREGO
En canto á promoción do emprego, José Tomé destacou a colaboración do Concello coa Xunta na posta en marcha da aceleradora de empresas, ademais de presentar un proxecto “de calidade” para o obradoiro de emprego da Xunta, “de xeito que non tivera argumentos para denegalo un ano máis”. Este obradoiro dará emprego a 24 persoas durante 6 meses, ademais de contribuír á mellorar o aspecto da cidade. Neste sentido, Tomé anunciou obras no rural por máis de 120.000 euros, así como diversas actuacións “sustanciais” en varias rúas da cidade.
A mellora da imaxe urbana foi tamén prioritaria, a través da limpeza da lagoa do Parque dos Condes, a recuperación de todas as fontes da cidade, e a mellora do alumeado público en diversas zonas.
“Monforte ten un rumbo claro”, suliñou Tomé, “e cando rematemos o mandato, estará mellor que cando o recibimos”.•

•O gasto social, “prioridade” do equipo de Goberno de Tomé

• José Tomé lembrou que o orzamento de 2016, aprobado “recurrindo á cuestión de confianza, pola negativa da oposición a permitir aprobar o primeiro presuposto”, puxo de manifesto “as prioridades do Partido Socialista, centrado nas persoas e no investimento real, a pesar de dispoñer de menos recursos sen comprometer”.
Tomé destacou que este orzamento supuxo “o maior gasto en Servizos Sociais que nunca tivo o Concello de Monforte”, con 50.000 euros máis, acadando a cifra de 1.380.929 euros nesta partida para 2016. O rexedor socialista lembrou que esta contía permitiu incrementar o número de axudas, aumentar o número de actividades para maiores e mocidade, duplicar a partida para axudas ás asociacións de carácter social, e crear “por vez primeira” unha partida específica para combatir a pobreza enerxética. “Son os orzamentos máis sociais da historia do noso Concello”, recalcou Tomé.•

•Iniciativas en cultura e deporte

• No balance do primeiro ano na alcaldía, José Tomé destacou que o Goberno local aumentou as axudas aos clubes deportivos nun 25%, “tal como tiñamos comprometido”. Ademais, realizáronse melloras nas instalacións deportivas, e deuse “máis visibilidade” ás actividades deportivas, como a Carreira Popular.
En cultura, Tomé suliñou a recuperación da Feira do Libro, a Rede de Teatro, e os fogos do río, “unha tradición e un elemento importante nas nosas Festas”. Sobre as Patronais, Tomé insistiu na “recuperación das Festas que Monforte merece”. O alcalde destacou o deseño de actividades conmemorativas en torno á figura de Cervantes, e os actos en homenaxe a Manuel María ao longo de todo este ano.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello segue completando obras de mellora dos núcleos rurais de Sober

Seguinte Nova

Monforte será o berce da nova Rede de Cidades e Territorios Creativos de España

Últimas noticias sobre CULTURA

   
A %d blogueros les gusta esto: