•A constitución da Rede terá lugar no marco do Fórum Cidades Creativas, do 1 ao 3 de xullo
• Do 1 ao 3 de xullo, o Parador de Monforte vai acoller a celebración da cuarta edición do Fórum de Cidades Creativas, que adicará a xornada inaugural á figura de Miguel de Cervantes e a súa relación con Monforte. A presentación tivo lugar o día 17 coa presenza do alcalde, José Tomé; a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o deputado de Promoción do Territorio, Eduardo Vidal; e a profesora da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Belén Elisa Díaz.
Según explicaron os responsables do Fórum, a xuntanza de Monforte servirá para constituír a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España, dentro da iniciativa promovida polo Master en Economía Creativa, Xestión Cultural e Desenvolvemento da Universidade Rey Juan Carlos.
PROMOCIÓN DE MONFORTE E DO EMPRENDEMENTO
Segundo suliñou José Tomé, “o Fórum vai contribuír a difundir o nome de Monforte por toda España, xa que as anteriores edicións realizáronse en Barcelona, Santander e Gran Canaria”. Tomé manifestou a vontade de vincular a Monforte coa Rede de Cidades e Territorios Creativos, “para promocionar a nosa cidade, e compartir experiencias con outras”. O protagonismo de Cervantes na xornada inaugural do Fórum servirá, segundo o alcalde, para conmemorar o 400 aniversario do pasamento do insigne escritor.
Eduardo Vidal destacou o apoio da Deputación a este evento. “Apostamos fortemente polo emprendemento como unha saída laboral con moito futuro, e dado que este evento é un proxecto dunha emprendedora monfortina, como é Belén Elisa Díaz, non podemos deixar escapar aos nosos emprendedores”, destacou o responsable provincial.
POTENCIAR O SECTOR CULTURAL PROFESIONAL
A delegada da Xunta, Raquel Arias, destacou o papel de Monforte como “punto de inflexión” na historia da Rede, que botará a andar na cidade do Cabe. Arias suliñou a colaboración da Consellería de Cultura no evento, “potenciando o sector cultural profesional, e de calidade, baseado na innovación”. Estarán presentes en Monforte relevantes figuras do cine e da moda, entre outras disciplinas artísticas.•