• O deputado socialista Vicente Docasar presentou unha protesta formal no Parlamento de Galicia polo aprazamento, con tan só 20 minutos de antelación, dunha iniciativa socialista sobre as eivas na seguridade nos embalses da Ribeira Sacra que se ía debater na Comisión Institucional da Cámara galega. Docasar interpretou este aprazamento como «unha falta de respecto tanto ao Parlamento como ás necesidades da Ribeira Sacra». O socialista criticou que o Goberno galego rexeitara explicar as carencias de embarcacións de seguridade nos seis encoros existentes na Ribeira Sacra. O deputado socialista lembrou que a de Portomarín é a única lancha de salvamento entregada recentemente aos municipios da provincia de Lugo pola Dirección Xeral de Emerxencias. Docasar lamentou que, precisamente, Portomarín é a vila máis afastada dos lugares nos que tiveron lugar as últimas incidencias graves de rescate de persoas no medio acuático.
Docasar insistiu na «falta de responsabilidade política» do Goberno galego, ao non enviar a un representante do equipo de Goberno á Comisión onde se ía debater a iniciativa socialista que pedía contas sobre estas carencias no servizo de rescate na Ribeira Sacra.•