• Do 7 ao 9 de xullo, Viveiro acolle unha nova edición do Resurrection Fest, o festival de música hardcord máis importante de España, e que conta este ano cunha achega de 130.000 euros da Deputación de Lugo.
ESPÉRANSE PRETO DE 80.000 VISITANTES NA FIN DE SEMANA
O presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, achegouse a Viveiro para supervisar os preparativos do festival, e suliñou que a Deputación «é a institución que máis aporta» a esta iniciativa, e destacou que estes 130.000 euros «son un investimento en impulso da economía da Mariña». O mandatario provincial lembrou que a pasada edición do Resurrection Fest deixou na comarca un volume de negocio superior aos 5 millóns de euros, cunha participación de arredor de 55.000 persoas. «Este ano, a previsión é acadar os 80.000 visitantes de 35 países, polo que os beneficios serán maiores en todos os eidos».
A ORGANIZACIÓN DO FESTIVAL XERA PRETO DE 1.000 POSTOS DE TRABALLO DIRECTOS E INDIRECTOS
Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destacou que só a organización do festival xera xa arredor de 1.000 postos de traballo directos e indirectos. Loureiro explicou que os establecemos hoteleiros do municipio están ocupados «ao 100% dende hai tempo», polo que os visitantes tamén van ocupar prazas hoteleiras nos municipios limítrofes. A novidade é que este ano, o Concello habilitou máis prazas de acampada para máis de 17.000 persoas, cun aumento en 5.000 prazas respecto ao ano anterior.
OS VISITANTES SAEN SATISFEITOS DESTE FESTIVAL
Así mesmo, o fundador do Resurrection Fest, Iván Méndez, explicou que este ano esperan máis visitantes que outros anos , “non só polo cartel, senón porque comprobamos ano tras ano que este proxecto medra porque os visitantes saen satisfeitos deste festival, xa que a relación calidade-precio é moi boa”.
CARTEL CON NOMES DE SONA INTERNACIONAL
A XI edición do Resurrection Fest arrancou o día 7 de xullo e remata o día 9 de xullo. Segundo a organización, as expectativas para esta edición son «máis altas que nunca», nun festival que conta con nomes como Iron Maiden, The Offspring, Volbeat, Bring Me The Horizon, Bad Religion, Bullet For My Valentine, Gojira, Abbath, e Hatebreed, entre outros.
ACTIVIDADES PARALELAS
Tamén se celebran actividades paralelas, como o “Resukids”, para abrir o festival a toda a familia. No recinto do evento hai supermercado e espacio para ilustradores. Simultaneamente, estanse a desenvolver na cidade actuacións de bandas galegas e proxeccións de longametraxes de Metallica e Iron Maiden, entre outros.•