•A nova edición desta feira terá lugar do 5 ao 9 de agosto, pouco antes das Festas Patronais de Monforte
• Do 5 ao 9 de agosto terá lugar a 18ª Mostra de Artesanía Local Artelemos, un evento que precede á celebración das Festas Patronais de Monforte.
DOCUMENTACIÓN PARA INSCRIBIRSE
Dende o Concello, informaron de que os artesáns interesados en participar poderán inscribirse ata o 14 de xullo. A documentación deberá incluír, acompañando ao modelo de solicitude, unha memoria explicativa da súa técnica de traballo, ilustrada con fotografías recentes das súas creacións. Ademais, presentarase copia da carta de artesán e o último pago do recibo de autónomos.
PRIORIDADE PARA OS ARTESÁNS DE MONFORTE E DA COMARCA
Segundo explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación da Mostra Artelemos, terán prioridade os artesáns que procedan de Monforte e a súa comarca.
Tomé lembrou a importancia de recuperar esta Mostra de Artesanía Local, “unha emblemática actividade que non se facía dende o ano 2011, e que tratamos de rescatar coa edición celebrada o pasado decembro”. “Dende o Concello queremos apostar polo aproveitamento dos recursos do noso territorio e dar a coñecer os productos, por iso imos facer outra edición neste mes de agosto”, explicou Tomé. O rexedor local precisou que “o traballo dos artesáns contribúe á promoción turística de Monforte e da nosa cidade como capital da Ribeira Sacra”.•