Conta atrás para a I Festa Irmandiña de Sarria

•Para crear ambiente de época, están convocados dous concursos de vestimenta irmandiña ou medieval, e decoración de balcóns e fachadas

• Sarria estreará un novo evento na fin de semana do 15, 16 e 17 de xullo. A I Festa Irmandiña recrea o asalto da Torre de Sarria, e a expulsión da vila do Conde de Lemos pola accións de centros de irmandiños que o perseguiron polas rúas sarriás ata botalo fóra. Con este marco histórico, Sarria voltará ao pasado durante tres días, nunha festa que arrincará o venres 15 ás oito da tarde no Concello, coa actuación dos Zanfoneiros da Tradescola.

ASENTAMENTO IRMANDIÑO NA PRAZA DA VILA, E ACTIVIDADES CON ANIMACIÓN NA RÚA NO CASCO VELLO
A ambientación será un elemento fundamental para recrear a atmósfera medieval, no Casco Vello e na Praza da Vila. Neste espazo, estará instalado o asentamento irmandiño, e ao longo da rúa Maior disporanse os postos de artesanía local. A denominada “eira dos nenos” situarase detrás de San Salvador, onde os máis cativos disfrutarán de xogos e actividades, e un pouco máis arriba instalaranse os obradoiros infantís. A animación dará vida ás rúas sarriás ao longo dos tres días, con música en vivo, teatralización, zancudos, espectáculos de lume e bufóns.
Dende o Concello de Sarria están a organizar diversos concursos de ambientación de época medieval, para animar á participación da veciñanza, e rescatar a atmósfera irmandiña do Medievo.

DECORACIÓN DE BALCÓNS E FACHADAS DA ZONA VELLA
Por unha banda, anímase á veciñanza a decorar balcóns e fachadas con elementos de época, a través da convocatoria dun concurso. O ámbito de participación será a zona vella, e será necesario inscribirse previamente no Concello. Como requisito imprescindible, os elementos decorativos deberán evocar a época medieval ou irmandiña, e só poderá aplicarse a fachadas e balcóns, nunca a baixos, a un mínimo de 2,50 metros do chan, por razóns de seguridade. O xurado do premio, integrado por persoas con coñecementos históricos, criterios artísticos e de estética urbana, valorarán nos traballos a súa creatividade, o deseño, os elementos irmandiños, o rigor histórico e a relación estética do edificio cos ornamentos empregados.
O fallo do xurado farase público o domingo 17 de xullo, ás 20 horas, dende o balcón do Concello. Haberá tres premios, en forma de vales canxeables por valor de 200, 150 e 100 euros, que se poderán gastar no establecemento correspondente antes do 31 de decembro de 2016.

TRAXES DE ÉPOCA CON PREMIOS PARA ADULTOS E INFANTIL
Ademais, o Concello invita á veciñanza de todas as idades a participar nos actos da I Festa Irmandiña de Sarria, que se irán anunciando progresivamente no Facebook www.facebook.com/Sarria Irmandiña, e www.facebook.com/Festa Irmandiña de Sarria, así como no Facebook do Concello e na páxina www.sarria.es. O mellor xeito de sumarse á festa é ir vestidos de época, e poder optar tamén aos premios deste concurso. Para participar, haberá que achegarse o sábado e o domingo ás 13 horas ata o Concello, onde se entregará un número por traxe para o sorteo de diversos vales, canxeables nos establecementos colaboradores. Ademais, haberá un premio en metálico para o mellor traxe. O sorteo da categoría infantil será o domingo ás 20 horas.

CEA IRMANDIÑA PREVIA INSCRICIÓN
A Cea Irmandiña desenvolverase na Praza Juan María López, ao lado de Santa Mariña, o sábado 16 de xullo a partir das 22 horas. O menú está composto de mexillóns, zamburiñas, asado de tenreira, tarta de Santiago, café e bebida. A cea contará con música, bufón, espectáculo e sorteos. Hai que inscribirse antes do 12 de xullo no Concello, na Casa da Cultura ou no enderezo xemacomunicacion@mundo-r.com.

RECREACIÓN HISTÓRICA DO ASALTO IRMANDIÑO Á TORRE
O eixo temático da I Festa Irmandiña ten que ver coa persecución do Conde de Lemos polos irmandiños, e a toma e destrución da Torre, símbolo do poder feudal. Por este motivo, a dramatización deste momento histórico ocupa un lugar central nas celebracións, con dúas sesións ás 12 e ás 20,30 horas, tanto o sábado como o domingo. Os irmandiños serán recreados por membros dos colectivos e asociacións da vila de Sarria.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello de Monforte realizou traballos de mantemento no campo de fútbol de A Pinguela

Seguinte Nova

Fin de curso no Espazo Xove de Chantada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss