•Ata o 2 de novembro poderán presentarse traballos de investigación sobre calquer disciplina cultural vinculada aos municipios de Guntín, Chantada, Portomarín, Taboada e Carballedo, territorios que integraban o antigo Condado de Pallares
• A finais do mes de xuño, presentáronse en Lugo as bases do X Certame de Investigación Condado de Pallares, que organiza a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Abanca, e os concellos de Guntín, Chantada, Taboada, Portomarín e Carballedo.
TEMÁTICA CULTURAL SOBRE O ANTIGO CONDADO DE PALLARES
Ao certame poderán presentarse, ata o 2 de novembro, escritos orixinais e inéditos en galego, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, do ámbito territorial dos cinco municipios que integraban o Condado de Pallares. O premio está dotado con 3.000 euros, e a edición da obra.
A INVESTIGACIÓN, VALOR ENGADIDO PARA A NOSA PROVINCIA
A deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, destacou a colaboración da Deputación de Lugo neste evento. “É importante colaborar neste tipo de iniciativas que fomentan o estudo da nosa cultura, da nosa historia, do noso patrimonio, unha riqueza que non podemos permitir que desapareza”. López Izquierdo suliñou a necesidade de “continuar colaborando de xeito conxunto entre as administración públicas do país no eido da investigación, o que crea un valor engadido, non só para a nosa provincia, senón para o país”.
IMPORTANCIA DA INVESTIGACIÓN HUMANÍSTICA EN GALEGO
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, destacou durante a súa intervención “a importancia da investigación humanística en galego”, sinalando que “en virtude deste certame, xa consolidado no ámbito dos premios galegos de investigación, ven a luz cada ano valiosos traballos de investigación arredor da lingua, da arte, da antropoloxía ou da etnografía dos concellos que integraron noutrora o Condado de Pallares”.
TRABALLOS DE CALIDADE SOBRE A CULTURA GALEGA
Desde a súa creación, este certame premiou traballos realizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo.•