Achega de 300.000 euros da Deputación para que os concellos adapten as sedes electrónicas á nova lei

•As axudas van dos 3.300 aos 6.300 euros, según os criterios establecidos nas bases das axudas •A nova Lei de Procedemento Administrativo Común obriga aos concellos a facer cambios nas ferramentas tecnolóxicas antes do 1 de outubro

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou as axudas aos concellos para a renovación das sedes electrónicas o pasado 8 de xullo. GPDL.
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou as axudas aos concellos para a renovación das sedes electrónicas o pasado 8 de xullo. GPDL.

• A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o día 8 deste mes unha partida de 300.000 euros en achegas aos concellos, e destinadas á mellora das sedes electrónicas municipais. Según explicou o vicepresidente provincial, Álvaro Santos, a entrada en vigor da nova Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, o vindeiro 1 de outubro, obriga aos concellos a actualizar as súas ferramentas tecnolóxicas antes de esta data. O obxectivo destas melloras tecnolóxicas é que os concellos poidan axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites coas administracións públicas de xeito telemático e con seguridade.

CRITERIOS DE REPARTO
Álvaro Santos apuntou que estas achegas van destinadas aos concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes, o que inclúe a todos os municipios da provincia agás o de Lugo. Santos explicou que os criterios de reparto son obxectivos, e están determinados nas bases das axudas, polo que se tivo en conta a superficie do municipio, a densidade de poboación, o esforzo fiscal e as unidades de poboación.

“NOVA E INMEDIATA INXECCIÓN ECONÓMICA” NA PROVINCIA DOS ORZAMENTOS 2016
Segundo precisou o vicepresidente provincial, as achegas oscilan entre os 3.300 e os 6.300 euros, e van ser tramitadas vía convenio, para axilizar a súa concesión, e axustarse ás necesidades de cada municipio. “Este investimento suporá unha nova e inmediata inxección económica do Orzamento da Deputación para 2016 na provincia”, afirmou Álvaro Santos, xa que a mediados deste mes se lles enviou aos concellos toda a información para que, nun prazo de 15 días, fixeran as solicitudes e transmitiran as súas necesidades neste eido.

MELLORAS NA SEDE ELECTRÓNICA DA DEPUTACIÓN PARA UN SERVIZO MÁIS SINXELO E COMPLETO
A Deputación tamén deberá adaptarse aos requerimentos técnicos que esixe a nova Lei. Por iso, vai levar a cabo melloras tecnolóxicas, “aínda que temos moito camiño andado”, explicou Santos. “Contamos con sede electrónica, co rexistro telemático ou coa factura telemática ,que permite aos veciños, tan só co seu DNI electrónico ou cun certificado dixital, entregar documentación, solicitar axudas ou tramitar as súas facturas polos servizos prestados ao organismo provincial a través de Internet sen desprazamentos nin papeleos”, suliñou o vicepresidente da Deputación, que precisou que “aínda así, temos que seguir avanzando”. Por este motivo, a Xunta de Goberno aprobou iniciar o proceso de contratación de novos traballos neste eido por un valor máximo de 70.000 euros.
As actuacións que se realizarán agora no organismo provincial permitirán habilitar a compulsa electrónica ou o pago telemático dos impostos que máis de 50 Concellos teñen delegado no servizo de Recadación Provincial. Entre estes impostos, están o IBI, o Imposto de Actividades Económicas, e o imposto de circulación.
Pola súa banda, os veciños poderán consultar telematicamente o estado no que se atopa a súa tramitación administrativa, e tamén compartir esta documentación con calquer outra administración do país e evitar duplicacións. Estas consultas poderanse realizar dende calquer dispositivo móbil, e dun xeito máis sinxelo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O deputado socialista Vicente Docasar renuncia a ir nas listas para as autonómicas

Seguinte Nova

Record de participación na terceira edición do Concurso Nacional Hípico de Saltos de Sarria

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: