
• O Plan de Obras e Servizos (POS) financiará con 112.119,65 euros obras de mellora na pavimentación de 6 rúas de Monforte. O alcalde, José Tomé, explicou que a Deputación aporta 74.342,80 euros do total, e os restantes 37.776,85 euros son achega do propio Concello. As obras consistirán no arranxo do firme con aglomerado en quente e mellora da sinalización horizontal.
O MAIOR INVESTIMENTO MUNICIPAL EN ARRANXO DE RÚAS FEITO NUN MESMO ANO EN MONFORTE
Dentro do Plan, destinaranse 20.391,69 euros a arranxar a rúa Real dende Roberto Baamonde ata o inicio da rúa Falagueira, e outros 8.475,30 eros á rúa de Santo Domingo dende o Campo da Virxe ata a Porta da Alcazaba. Tomé suliñou que estas dúas actuacións son «importantes para mellorar a imaxe e o aspecto desta zona de acceso ao conxunto monumental de San Vicente». Tamén se vai arranxar a vía que rodea o Campo de San Antonio, con moito tránsito diario ao estar nas inmediacións do Concello, e na que se realizará un fresado para rebaixar o firme respecto das beirarrúas. O orzamento para estes traballos será de algo máis de 15.000 euros. Outra actuación está prevista no Camiño Real de Seoane, dende o colexio Infanta Elena ata a pista do Canal. «Este é un compromiso meu como alcalde cos veciños das Lamas, para que tiveran arranxada esta vía antes do inverno», precisou Tomé. A obra das Lamas é a máis costosa do Plan, con 40.983,31 euros de orzamento.
No espazo do CEIP A Gándara vaise asfaltar unha superficie de preto de 700 metros, diante do pavillón deportivo, para evitar caídas e danos polo mal estado do firme. O Plan destina 5.654,13 euros a este traballo. Por último, está previsto o arranxo do firme na rúa Santa Clara entre o cruce da Veiga ata o Multiusos, por un importe de preto de 22.000 euros.
«Sumando as obras anunciadas pola Deputación, máis estas seis do Plan de Obras e Servizos, e outras que está a proxectar o Concello con fondos propios, o resultado será de preto de 16 rúas melloradas nun só ano», explicou Tomé, o que suporá «a cantidade máis grande que se ten feito neste Concello nun mesmo ano».
ARRANXO NO SANEAMENTO
Días antes deste anuncio, o alcalde comunicaba outra mellora «significativa» nos servizos, en concreto referida á rede de saneamento. Durante unha reparación na fonte de debaixo da Ponte Fontecha, detectouse que a auga que vén do regato das Malloadas estaba a filtrarse ao tubo do saneamento, provocando que a depuradora estivera a recibir unha importante cantidade de auga limpa, «que non debería recoller e que dificulta a súa función». Tomé lembrou que a saturación da depuradora e os verquidos ao río son un problema «antigo», que se está a tratar de resolver coa colocación dun codo e o sellado desta unión.•