•Ademais dos bos resultados en técnica, esta tempada o club monfortino está a recuperar o podio en combate, e gañando as primeiras medallas na modalidade de freestyle

• A gran tempada que realizaron os deportistas do club Neka de taekwondo non só lles serviu para engrosar o medalleiro, senón que tamén aproveitaron o ano para abrir novos horizontes en competición.
JUNIOR MARTÍNEZ E VÍCTOR IGLESIAS ABREN CAMIÑO NO COMBATE
Logo de varios anos sen subir ao podio na modalidade de combate, os de Neka volveron a saborear o triunfo nesta disciplina, da man de Junior Martínez e Víctor Iglesias. “Nos últimos tempos, estivemos moi volcados en técnica, porque estábamos a acadar importantes logros, xa que fomos campións de España hai dous anos”, precisou o adestrador do Neka, José Mª Vega. “Agora hai rapaces que tiran ao combate, e estamos apostando moito por eles”, explica. O esforzo xa lles está dando resultados, como demostran o bronce de Junior Martínez no Campionato de España, ouro galego e integrante da selección galega, e o gran papel que está a facer Víctor Iglesias, actual subcampión galego. “Hai xente que está empezando e aposta polo combate, e queremos seguir por aí”, explicou Vega.
LAURA ÁLVAREZ E MERITXELL VARELA, PIONEIRAS NO MEDALLEIRO DE FREESTYLE
Outra das grandes sorpresas desta tempada foron as dúas medallas conseguidas por Laura Álvarez e Meritxell Varela na modalidade de freestyle, no Torneo de Ourense do mes pasado. O bronce de Álvarez e a prata de Varela son os primeiros pasos na incursión do equipo monfortino nunha especialidade “complicada, xa que hai que incorporar unha boa base técnica coa improvisación e a coordinación coa música durante a proba”, apuntou Vega. “É unha modalidade que gusta sobre todo aos máis novos, aínda que só se pode competir en nacional a partir dos 12 anos”, suliñou o adestrador monfortino. “Todo este traballo esperemos que dea os seus froitos cando os rapaces poidan por idade saír a competir”, explicou.•