•Demostracións en directo dos oficios tradicionais, xogos para os máis cativos e venda de produtos de artesanía encheron a xornada festiva •A II Concentración de Bicicletas e Motos Antigas ofreceu un espazo para achegarse á historia dos vehículos de dúas rodas
O téxtil, coiro, pedra, ferro ou madeira, así como o traballo do vimbio, estiveron presentes nas diversas demostracións dos oficios tradicionais que se realizaron ao longo da xornada do 14 de xullo na XIV Feira Tradicional Outrora de Rubián-Bóveda.As demostracións dos oficios tradicionais na XIV Feira Tradicional Outrora de Rubián-Bóveda serviron non só de atractivo para os visitantes senón tamén como espazo de encontro entre os novos artesáns e as lembranzas dos nosos avós. Algúns artesáns cederon ás súas ferramentas para que os visitantes puideran iniciarse na arte destes oficios ancestrais.

A singularidade do carro galego quedou de manifesto na exposición a pé de rúa deste tradicional medio de transporte. Peza a peza, a composición do carro galego e a súa construción puideron verse in situ e nun audiovisual proxectado pola tarde.
A ambientación da XIV Feira Tradicional Outrora de Rubián-Bóveda contou con música e danza tradicional. Os cativos do Grupo de Danza Municipal de Bóveda ofreceu unha actuación na mañá da feira, e a Banda Municipal de Música Juan Montes de Taboada amenizou o mediodía cun concerto ao aire libre.
II CONCENTRACIÓN DE BICICLETAS E MOTOS ANTIGAS DURANTE A XIV FEIRA TRADICIONAL OUTRORA DE RUBIÁN-BÓVEDA
Un total de 21 vehículos integraron a II Concentración de Bicicletas e Motos Antigas que puido verse ao longo da xornada do 14 de xullo en Rubián. O espazo, integrado no centro da praza da Feira nun expositor especial, atraeu a atención dos visitantes.

Os vehículos participantes na II Concentración de Bicicletas e Motos Antigas da XIV Feira Tradicional Outrora de Rubián, contaron con cadansúa tarxeta de identificación, como o modelo da fotografía, unha moto Derby do ano 1949. Ademais, o expositor contou con paneis informativos sobre a evolución deste tipo de vehículos ao longo da historia. EC