As Patronais encherán Monforte de actividades para todos, coa novidade dos concertos gratuítos de Auryn e Antonio Orozco

•Actividades para todos os públicos no programa das Patronais do 11 ao 16 de agosto •Ademais, durante todo o mes e ata mediados de setembro, a cidade acollerá diversos eventos culturais

A espectacularidade dos fogos artificiais é un dos elementos máis singulares das Festas Patronais de Monforte.  (Arquivo EC- MONTERO.)
A espectacularidade dos fogos artificiais é un dos elementos máis singulares das Festas Patronais de Monforte.
(Arquivo EC- MONTERO.)

• As Festas Patronais 2016 de Monforte comezarán o xoves 11 de agosto ás 20,30 horas, coa lectura do pregón a cargo do director de cine monfortino Dani de la Torre. A continuación, terá lugar o lanzamento do foguete que anuncia o comezo dos festexos, ademais do prendido da iluminación artística polas rúas. O primeiro acto festivo será o concerto acústico de Lucía Pérez na Praza de España, a partir das once da noite.

ACTOS DO VENRES 12
O venres 12 de agosto comezará coas alboradas do Grupo de Gaitas do Concello a partir das 12 do mediodía. Os gaiteiros partirán do Campo de San Antonio para xuntarse á unha cos Cabezudos na Praza de España. A esa hora, terá lugar nesta mesma praza o primeiro dos espectáculos do IV Festival Cómico Festivo A Rúa é Vosa, no que a Compañía Kanbahiota-La Coquette ofrecerá un número de acróbatas. A función repetirase en sesión de tarde ás oito, tamén na Praza de España. Xa ás oito e media, voltará a música tradicional a cargo de Os Xograres de Lemos, que ofrecerán pasarrúas dende as oito e media. A verbena na Compañía comezará ás dez e media, co grupo Montreal e a orquestra Charleston Big Band. Por último, ás once da noite terá lugar na Praza de España un concerto da Banda de Música do Concello de Monforte.

A BANDA DE SOBER VOLVE ÁS PATRONAIS DE MONFORTE
O sábado 13 de agosto abrirá coas alboradas do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte dende as 12. A esta mesma hora, terá lugar na rúa Cardeal o espectáculo de rúa do grupo Trasno, cun show de maxia, humor e circo. Este número forma parte do IV Festival Cómico Festivo, que ofrecerá á unha outro espectáculo, esta vez a cargo da compañía Forzu2, con malabares, acrobacias, números de forza e xogos co público.
Ás doce e media, a charanga Unión Monfortina amenizará a xornada dende a praza de Carude ata o centro urbano, con pasarrúas que rematarán ás dúas e media.
Pola tarde, voltarán os espectáculos de rúa, coas mesmas compañías que na xornada da mañá, que ofrecerán novos números con incribles sorpresas para todos os públicos, ás sete na rúa Cardeal e ás oito na Praza de España.
Os pasarrúas voltarán ás oito e media da man da charanga Unión Monfortina, esta vez dende o Campo de San Antonio ata o centro da cidade.
Pola noite, a verbena da Praza da Compañía estará a cargo do grupo Hiroshima e da orquestra Olympus, a partir das dez e media. A xornada rematará cun concerto ás once, na Praza de España, da Banda de Música de Sober, que volve a retomar a súa presenza no programa festivo das Patronais de Monforte.

MÚSICA E ESPECTÁCULOS DE RÚA NO DOMINGO 14
As alboradas do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte inaugurarán a xornada do domingo das Festas, saíndo ás 12 da Praza dos Chaos. O Festival Cómico Festivo animará ás rúas con catro espectáculos de mañá e tarde. Ás doce, Antuan de la Cream fará un número de clown na rúa Cardeal, e á unha Encontros Lusco-Fusco ofrecerá unha danza acrobática na Praza de España.
Antuan de la Cream voltará ás sete na rúa Cardeal cun novo espectáculo de xogos co público, e Encontros Lusco-Fusco incluirá danza, acrobacia, equilibrios e xogos malabares na súa nova función das oito na Praza de España.
A música regresará pola tarde, a partir das oito e media, cando a Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte inicien na Praza da Estación o seu percorrido musical ata o centro da cidade.
Pola noite, volve a verbena da Compañía, esta vez co grupo América e a orquestra Tango, dende as dez e media.
A xornada rematará cun concerto do Coro Encaixe, na Praza de España a partir das once da noite. Este concerto, baseado na música vocal, presenta un espectáculo ecléctico centrado no xogo de voces, cun resultado espectacular, como proba a exitosa participación do Coro Encaixe na primeira edición do concurso da TVG Oh Happy Day, no que resultaron gañadores.

PROCESIÓN E OFRENDA FLORAL O LUNS 15
O día grande das Patronais de Monforte arrancará co lanzamento, ás 9,30 horas, de 21 bombas de palenque, e a partir das dez comezará a celebración do Día da Patrona, a Virxe de Monserrat. As persoas que queiran sumarse a este acto reuniranse no Campo de San Antonio, e ás 10,30 a comitiva, presidida polas autoridades locais e acompañada pola Banda de Gaitas do Concello de Monforte, iniciarán a procesión ata a igrexa de San Vicente do Pino.
Ás once comezará a misa cantada pola Coral Polifónica do Concello de Monforte, e á saída actuará a Banda de Gaitas do Concello, e os actos culminarán na cerimonia da Ofrenda Floral á Patroa da cidade, a cargo do alcalde de Monforte.

DÍA DO GAITEIRO O LUNS 15 DE AGOSTO
Nesta data, terá lugar ao longo de toda a xornada diversas actuacións dentro do Día do Gaiteiro, unha xornada coa que o Concello de Monforte busca amosar e dignificar a riqueza cultural galega nas súas diversas expresións. Ás once da mañá, sete grupos de gaiteiros partirán da Praza de España, animando as rúas con alboradas. Participarán dúas formacións de A Pobra do Brollón, O Cego da Veneira e o sexteto Brabán, e cinco grupos de Monforte, Os Alvariños, Os Teixeiras, Merenzao, Os Xograres, e Érbedo. Todos eles, concentraranse no centro urbano á unha, para ofrecer a súa música ata as tres da tarde.
A partir das oito e media, terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional na Praza de España, coa participación de O Cego da Veneira, o Grupo de Gaitas e a Escola de Danza do Concello de Monforte, a Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte, e a Agrupación Folclórica Lemavos. A Mostra arrancará cun pasarrúas dende a Compañía ata a Praza de España.

CONCERTO GRATUÍTO DE AURYN NA NOITE DO LUNS 15 DE AGOSTO
A xornada do día grande das Patronais de Monforte completarase con eventos de gran atractivo para veciños e visitantes. Ás dez e media comezará a verbena a cargo do grupo Limón, e ás once e media iniciarase o itinerario fluvial das Barcas Engalanadas, a cargo do Club de Piragüismo Quixós, e coa colaboración da Escola de Gaita do Concello e das pandeireteiras de Os Xograres de Lemos, para recuperar esta vistosa tradición monfortina.
Ás doce da noite, comezará a sesión de fogos de artificio, dende o monte de San Vicente.
Ás doce e media, terá lugar na praza da Compañía un dos eventos máis esperados do programa festivo, o concerto do grupo xuvenil Auryn, que é totalmente gratuíto.
A verbena servirá para poñer o remate da xornada festiva, logo do concerto de Auryn, arredor das dúas da madrugada, e estará a cargo do grupo Limón.

CONCERTO GRATUÍTO DE ANTONIO OROZCO O MARTES 16
As alboradas abrirán o martes 16 de agosto, e ás 12 volverá o Festival Cómico Festivo á rúa Cardeal, co espectáculo de maxia cómica a cargo de Les Artuáns, grupo que actuará de novo ás sete da tarde cun novo número de clown, mimo e comedia máxica. De doce e media ás dúas e media, a cidade animarase cos pasarrúas da charanga Unión Monfortina, e o espectáculo de rúa regresará á unha da man de Cigani e Cía, cun espectacular número móbil por diversas rúas do centro urbano, ata desembocar na Praza de España. Esta compañía ofrecerá outra sesión na Praza de España ás oito da tarde.
Xa ás oito e media, a charanga Unión Monfortina ofrecerá un pasarrúas dende a Praza da Estación. Pola noite, a verbena da Compañía estará amenizada pola orquestra Gran Casino, dende as dez e media. Os fogos de auga dende o Paseo do Malecón comezarán ás doce en punto, e ás doce e media empezará o concerto de Antonio Orozco, outro dos eventos estrela do programa das Patronais. Será na praza da Compañía, e con acceso gratuíto.
A orquestra Gran Casino pechará a xornada, coa verbena a partir das dúas da mañá.

EVENTOS DO COMERCIO MONFORTINO
O CCU Monforte aproveita o mes de agosto para ofrecer diversas actividades de dinamización. O sábado 6 de agosto, terá lugar unha nova edición da Fashion Night, na que os establecementos asociados abrirán as súas portas de oito da tarde ata a unha da madrugada. Os participantes poderán beneficiarse de descontos nas súas compras, e disfrutar dun ambiente animado, con música e actividades complementarias.
O remate do verán terá un broche de outro coa Noite Branca, o sábado 27 de agosto, na que os establecementos do CCU Monforte estarán abertos de oito da tarde á unha da mañá, con descontos e diversas actividades.
O CCU e o Concello de Monforte organizan a Feira de Oportunidades, na fin de semana do 27 e 28 de agosto. O evento celebrarase na Praza de Abastos, nunha boa ocasión para comprar a prezos reducidos unha ampla variedade de artículos.

FEIRAS DE PRODUTO EN AGOSTO
Do 5 ao 9 de agosto, a rúa do Cardeal vai acoller a XVIII Mostra de Artesanía Artelemos, unha iniciativa que o Concello vén de recuperar o pasado inverno, e que ofrece unha interesante mostra do traballo e da calidade dos artesáns do sur lucense, con especial atención ás propostas dos artesáns de Monforte.
Do 19 ao 21 de agosto, a cidade do Cabe acollerá a Feira de Agricultura Ecolóxica Ágora Verde, organizada polo Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia e o Concello de Monforte.

MÚSICA EN AGOSTO
Ademais da programación das Festas Patronais, o mes de agosto contará en Monforte con outras citas musicais. O sábado 6, ás once da noite, a Praza de España acollerá o concerto de Vera Lynn, e o xoves 18 ás oito e media, a igrexa dos Escolapios será o escenario do concerto Ensemble Hotteterre, organizado pola Fundación Vicente Risco e o Concello de Monforte. O sábado 27, a Banda de Música Anxo Eiriz das Nogais ofrecerá un concerto na Praza de España ás dez e media da noite, dentro do programa Musiqueando pola Provincia de Lugo, organizado pola Área de Cultura da Deputación.
Xa en setembro, o sábado día 3 a partir das oito da tarde, terá lugar a quinta edición do Festival do Paradiso no Parque dos Condes, organizado pola Asociación Náufragos do Paradiso. Ese mesmo día, celebrarase na Praza de España dende as oito da tarde o XVII Festival de Habaneras Concello de Monforte, coa participación das corais de Arbo, Candás e Monforte.

MÁIS AXENDA PARA UN INTENSO VERÁN EN MONFORTE
O mércores 10 de agosto, ás dez e media da noite, a Praza de España acollerá o espectáculo “25 anos de Tolemaxías-Mago Teto”, dentro do programa Cultura no Camiño. O día 20 de agosto, Radio Principal Cadena Ser de Monforte celebra o Festival XXV Aniversario desta emblemática emisora, cunha serie de actos na Praza da Compañía a partir das oito da tarde.
Xa o domingo 21, terá lugar a Festa da Empanada na área recreativa de Ribas Altas, organizada pola Asociación de Veciños desta parroquia monfortina. A literatura e o lecer daranse a man durante a XIX Feira do Libro de Monforte, que se desenvolverá na rúa Cardeal do 24 ao 27 de agosto. O cine será o gran protagonista na terceira edición do Fancine de Lemos-Festival de Cine Fantástico e de Terror, que se celebrará do 25 ao 28 de agosto, organizado por Iván Patiño e Carlos Álvarez.
Xa en setembro, a XVII Xornada Europea da Cultura Xudía ofrecerá, un ano máis, visitas didácticas á zona de ámbito xudeu de Monforte, o domingo 4 de setembro.•

•RECUPERAR O ESPÍRITU DAS FESTAS DE MONFORTE

O alcalde, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentando o programa das Festas Patronais. EC
O alcalde, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, presentando o programa das Festas Patronais. EC

•JOSÉ TOMÉ: “Cos concertos gratuítos de Auryn e Antonio Orozco, recuperamos os eventos de gran formato, que sempre trouxeron moita xente a Monforte”

•Na presentación do programa das Patronais, o alcalde de Monforte destacou a recuperación de diversos elementos tradicionais destas festas, como a actuación “emblemática” da Banda de Música de Sober, ou a potenciación dos fogos de artificio, “que serán máis vistosos e de maior duración”. Ademais, o Concello apostou polos concertos de gran formato, con Auryn e Antonio Orozco como grandes atractivos do programa, “cunha fórmula que sempre trouxo moita xente a Monforte”. A expectación está creada, “xa que houbo chamadas ao Concello para preguntar se efectivamente ían actuar Auryn e Antonio Orozco en Monforte”, explicou Tomé.
A música tradicional tamén estará reforzada, na programación festiva, xa que “é a primeira vez que van participar todas as agrupacións folclóricas de Monforte”. “Queremos que Monforte volva a ser referentes das Festas da comarca de Lemos”, destacou o alcalde.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Comezan as obras de mellora na estrada de Chantada en Monforte

Seguinte Nova

Éxito na estrea das Festas Acuáticas Nocturnas das piscinas municipais de Sober

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: