•A Xunta investiu 45.000 euros no acondicionamento destas instalación
• A Xunta vén de completar os traballos de mellora das instalacións da Residencia da terceira idade de Monforte, nos que investiu 45.000 euros a través da Consellería de Política Social. A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou esta residencia a finais do mes de xullo, para comprobar o resultado das obras.
Entre os traballos realizados na residencia, están a reforma e adaptación dos baños, co fin de mellorar a accesibilidade dos usuarios. Tamén se pintaron as habitacións, substituíronse os pulsadores, e se mellorou o equipamento.
Na súa visita á residencia de Monforte, Arias lembrou que, ademais destas obras, a Xunta realizou outros investimentos no edificio do Malecón no último ano e medio, investindo 92.000 euros na substitución das caldeiras de gasoil polas de biomasa, e na reparación do tellado de lousas.
Arias, que estivo acompañada polo director do centro, José Luis Picouto, valorou estas obras porque “melloran o benestar dos usuarios, atendendo ás súas necesidades”. A residencia da terceira idade de Monforte conta actualmente con 39 usuarios internos, tres prazas vacantes, e unha plantilla de 25 profesionais.•