•Este emblemático evento chantadino celebrarase o sábado 27 de agosto

• Mentres se está a traballar en Chantada na confección dos carros para o Folión deste ano, o colectivo organizador da festa incorpora un novo elemento para a difusión deste singular evento, que conta coa categoría de Festa de Interese Turístico dende 2002. A Asociación de Amigos do Folión de Carros de Chantada asinou en xullo un convenio coa Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, pola que o alumnado desta escola realizarán un documental sobre esta festividade, unha das máis antigas de Galicia. O convenio foi asinado polo patrón da Fundación TIC e vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o presidente da Asociación de Amigos do Folión de Carros de Chantada, Manuel Vázquez, nas instalacións do Telecentro chantadino.
IMAXES ANTIGAS DOS ANOS 90, E GRAVACIÓN DO DESFILE
Segundo explicaron os responsables desta iniciativa, o documental incluirá imaxes e material gráfico dos anos 90 pertencentes ao arquivo da asociación organizadora do Folión. Ademais, os bolseiros e técnicos da Fundación TIC gravarán o proceso de elaboración dos 11 carros que participarán na edición deste ano. Por último, un equipo da Fundación TIC recollerá íntegro o desfile e a totalidade dos actos que se inclúen no Folión de Carros, o sábado 27 de agosto. Álvaro Santos suliñou “o interese da TIC en difundir este tipo de celebracións que dan boa mostra da tradición popular e cultural da nosa provincia”, que se manteñen vivas “grazas en boa parte ao labor que levan a cabo colectivos como os Amigos do Folión”. Ademais, esta actividade servirá de formación prática para os bolseiros da TIC.
UNHA DAS FESTAS MÁIS ANTIGAS E SENLLEIRAS DE GALICIA
O Folión de Carros de Chantada, declarado de Interese Turístico Galego no 2002, é un dos festexos máis antigos de Galicia, con orixe na Idade Media. Naqueles tempos, os diferentes gremios saían do seu aillamento para desfilar pola vila e amosar o seu traballo como artesáns. Na actualidade, o Folión trata de manter esta tradición, que só se deixou de celebrar durante os anos da Guerra Civil, e tamén poñer en valor aos bois e vacas, animais fundamentais na historia económica de Galicia, e que no Folión teñen gran presenza á fronte dos carros no desfile.•