•O conselleiro de Educación visitou estes centros educativos, nos que se iniciarán as obras en setembro
• A finais de xullo, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou Monforte para coñecer as obras que o seu departamento vai financiar nos IES Daviña Rey e A Pinguela a partir de setembro. O investimento é de preto de 278.700 euros.
No IES Daviña Rey, a Consellería financiará a reforma e ampliación dos talleres para o ciclo de FP de Automoción, por 220.000 euros. Así, a aula de automoción poderá albergar o denominado “plano aspirante”, ou plataforma para traballos de chapa e pintura que permite aspirar o pó que se solta ao lixar. Tamén se construirá unha entreplanta enriba das aulas de automoción e mecanizado para acoller novas aulas. As obras inclúen a renovación da iluminación, electricidade e calefacción, ademais de dous accesos para persoas con mobilidade reducida.
No IES A Pinguela realizaranse 4 obras, por valor de 58.700 euros. A máis importante é a dotación de aseos para persoas con discapacidade, para o que hai que acondicionar a primeira planta. As obras complétanse coa instalación dunha estrutura de cristal e aluminio na escaleira principal, a instalación eléctrica do Planetario e a fontanería dos vestiarios.•