O Camiño de Inverno acada a categoría de ruta oficial

• Autoridades locais e autonómicas celebraron este feito co descubrimento dunha placa na contorna do Monte Faro, en Rodeiro, coa que se agradece a labor das diversas asociacións en prol do recoñecemento deste Camiño a Santiago

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, os alcaldes de Chantada e Monforte, ademais de Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, no acto oficial en Rodeiro. GPXG.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, os alcaldes de Chantada e Monforte, ademais de Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, no acto oficial en Rodeiro. GPXG.
• Dende o 16 de agosto, o Camiño de Inverno xa é ruta oficial de peregrinación a Compostela. Nesta data, entrou en vigor a nova lei do Patrimonio  Cultural de Galicia, que ten como obxectivo salvagardar os ben patrimoniais, e dar a máxima protección do patrimonio sobranceiro de Galicia, ao tempo que se facilitan e axilizan os trámites administrativos.
RECOÑECEMENTO AO TRABALLO DAS ASOCIACIÓNS
Así o explicou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no mesmo día da entrada en vigor de dita lei, e diante da placa que se descubriu na contorna do Monte Faro, en Rodeiro, en agradecemento ao traballo das asociacións en prol da oficialización do Camiño de Inverno. Rodríguez gabou o traballo e implicación das persoas, colectivos e entidades que fixeron posible este recoñecemento, “xa que axuda a que siga crecendo a historia do Camiño e do patrimonio cultural galego”.
O DE INVERNO, O ÚNICO CAMIÑO A SANTIAGO QUE ATRAVESA AS CATRO PROVINCIAS GALEGAS
Ademais, o conselleiro destacou a “singularidade” do Camiño de Inverno fronte ao resto das rutas xacobeas, xa que é a única que atravesa as catro provincias galegas.
No descubrimento da placa en Rodeiro estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen suliñou que coa oficialización do Camiño de Inverno aténdese unha vella reivindicación dos colectivos relacionados con estas rutas. Xunto ao de Inverno, o novo texto legal dá oficialidade tamén ao Camiño Portugués pola Costa.
O Camiño de Inverno a Santiago percorre preto de 210 quilómetros distribuídos en 7 etapas. A ruta atravesa vinte concellos galegos, partindo de Ponferrada ao carón do curso natural do río Sil. Un pormenorizado mapa deste percorrido pode verse na web www.caminodeinvierno.com, con textos e fotografías elaborados pola profesora Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.
MONFORTE PODE SER “FUNDAMENTAL” NA NOVA RUTA
Precisamente, a labor deste colectivo foi destacada polo alcalde de Monforte, José Tomé, co gallo da oficialización do Camiño de Inverno. O rexedor monfortino destacou que “con este recoñecemento vese plasmado o traballo que fixo moita xente”, e que arrinca dende 20 anos atrás. “Houbo iniciativas e esforzos dende o propio Concello e de varias asociacións, particularmente da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra”, suliñou Tomé. O alcalde lembrou tamén as iniciativas que tamén se desenvolveron dende o Parlamento de Galicia, “co traballo realizado a través de diferentes deputados socialistas, como é o caso de Vicente Docasar ou Concepción Burgo”, e tamén do propio José Tomé durante a súa etapa como deputado autonómico. O alcalde reclamou ao Xacobeo que “faga actuacións” de promoción e dotación de servizos. Así mesmo, José Tomé precisou que “o Concello vai facer todo o posible para que Monforte desempeñe un papel fundamental no funcionamento desta ruta oficial”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Círculo Saviñao lembra a Manuel María

Seguinte Nova

O pasaxeiro número 1.000 dos Trens Turísticos de Galicia fixo a ruta da Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss