• O sábado 13 de agosto disputouse nos Canóns do Sil a I Travesía a Nado La Heroica Gran Premio Diputación de Lugo. Esta primeira edición reuniu a preto de 250 nadadores procedentes de toda España, que competiron nun total de catro probas, todas elas con meta no embarcadoiro de Doade, en Sober. A proba reina, e máis esixente polo seu percorrido de 10.000 metros, serviu para abrir a xornada. Os nadadores foron trasladados en catamarán ata a contorna dos Chancís, punto de partida do trazado do Gran Premio Diputación de Lugo, ata o embarcadoiro de Doade. A xornada completouse coas probas de 5.000, 2.500 e 500 metros.
A organización estivo a cargo da Asociación deportiva cultural FeFeMe e Championchipnorte, baixo a dirección técnica de Fernando Timiraos, nadador e presidente do Clube de Natación Portamiñá, e coa colaboración da adega Regina Viarum e a Olería de Gundivós, que aportou as pezas dos trofeos. A Deputación de Lugo colaborou cunha achega económica de 10.000 euros. O Concello de Sober tamén colaborou co desenvolvemento desta proba, “que baixo o nome de La Heroica servirá para promocionar a nosa zona e a denominación do noso xeito de recoller a uva”, destacou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.•