Verán musical en Sarria co II Campus Banda Sinfónica

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

• Sarria foi a sede da segunda edición do Campus Banda Sinfónica, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares. Arredor de 60 alumnos e alumnas de 11 a 17 anos procedentes de todos os puntos de Galicia disfrutaron das diversas sesións de traballo do 9 ao 11 de agosto, que se desenvolveron na Escola Municipal de Música e na Casa da Cultura de Sarria. O bo tempo facilitou a posibilidade de ensaiar ao aire libre, polo que algunhas das sesións formativas tiveron lugar en contacto coa natureza.
MELLORA TÉCNICA E SINERXIAS ENTRE OS XOVES MÚSICOS DAS BANDAS DE GALICIA
Segundo explicaron os responsables do Campus Banda Sinfónica, esta iniciativa busca dar resposta ás inquietudes musicais das persoas que compoñen as bandas de música galegas, podendo formarse durante uns días na súa especialidade cun director e con profesores de recoñecido prestixio. Ao mesmo tempo, búscase que se creen lazos entre compoñentes de distintas agrupacións de toda Galicia, para intercambiar información e opinións sobre o seu traballo e dar a coñecer a labor que realizan as agrupacións musicais entre calquera persoa interesada na música.
CLASES ESPECÍFICAS DE INSTRUMENTO, E ENSAIOS DE BANDA
O II Campus Banda Sinfónica estivo dirixido por Juan Lois Diéguez, encargado tamén da organización técnica e dos ensaios parciais e de banda. Así mesmo, o Campus contou coa participación de catorce profesores das diferentes especialidades que integran unha banda de música.
Os alumnos recibiron clases colectivas co mestre da especialidade correspondente, e asistiron a ensaios de banda sinfónica baixo a dirección de Juan Lois.
O programa do campus incluíu traballo dos aspectos fundamentais da técnica instrumental e en grupo das seccións de banda de cada especialidade. Ao longo das xornadas traballouse lectura, técnica, sonoridade e interpretación  e contextualización histórica e estilística do repertorio. Ao remate, todos os alumnos recibiron un diploma acreditativo.
A FEDERACIÓN, 31 ANOS FOMENTANDO E DIVULGANDO A LABOR DAS BANDAS DE MÚSICA GALEGAS
A Federación Galega de Bandas de Música Populares foi creada en 1985, co fin de dar resposta ás necesidades comúns das bandas galegas.
A Federación integra un total de 91 bandas populares de toda a Comunidade, con máis de 6.200 músicos. As funcións da Federación son xerar e distribuir información de interese para este colectivo, promover a formación e divulgar actividades educativas en torno ás bandas galegas, así como organizar cursos, festivais, certames e intercambios entre bandas, tanto galegas como españolas ou estranxeiras.
Para organizar o II Campus Banda Sinfónica na nosa provincia, e que este ano tivo a Sarria como sede, a Federación contou cunha achega de 16.000 euros da Deputación de Lugo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Criterios sociais nas bases das axudas provinciais ás asociacións culturais

Seguinte Nova

Campaña de verán da UAD de Monforte para previr o consumo de alcol e tabaco nos menores

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: