Aprobado o programa provincial Ben Empregado 3 con novidades para fomentar a inserción laboral

•A Deputación de Lugo destina 2,3 millóns de euros a este programa, cos que financia a empresas e entidades os gastos laborais e salariais pola contratación durante un ano de parados lucenses

Presentación do Ben Empregado 3, co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, o vicepresidente e deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos, e seis dos participantes nas dúas edicións anteriores do Ben Empregado, o pasado 16 de setembro. GPDL
Presentación do Ben Empregado 3, co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, o vicepresidente e deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos, e seis dos participantes nas dúas edicións anteriores do Ben Empregado, o pasado 16 de setembro. GPDL
• O fomento do emprego na nosa provincia continúa na axenda de iniciativas promovidas dende a Deputación de Lugo. O pasado 16 de setembro, tiña lugar a presentación da terceira edición do programa Ben Empregado, no que o organismo provincial financia os custes laborais e salariais a empresas e entidades lucenses que contraten durante un ano a parados da provincia. “Esta edición do Ben Empregado está mellorada, tras as experiencias das anteriores convocatorias”, explicou o presidente da Deputación, Darío Campos Conde. O mandatario provincial estivo acompañado polo vicepresidente e deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos, e seis dos participantes nas dúas edicións anteriores do Ben Empregado, que comentaron as súas experiencias. Campos Conde salientou que as novidades do programa fanno “máis social”, para “ademais de seguir xerando empregos de calidade na provincia e blindar os dereitos dos traballadores, dignificalos coa incorporación de máis cláusula sociais”.
MÁIS IMPLICACIÓN DAS EMPRESAS NO FOMENTO DO EMPREGO
A Deputación destina ao Ben Empregado 3 un total de 2,3 millóns de euros. Deste xeito, financia os gastos laborais e sociais ás empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia que contraten desempregados lucenses durante un ano.
Por unha banda, as subvencións a empresas serán do 100% no caso de que os parados sexan persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, e do 50% no resto. “Nas edicións anteriores, as subvencións eran do 100% en todos os casos, pero agora buscamos unha maior implicación das empresas”, explicou o deputado de Emprego, Álvaro Santos Ramos. “Buscamos máis responsabilidade compartida para, conxuntamente, fomentar a empregabilidade e a inserción laboral de persoas que teñen máis dificultades, ao tempo que impulsamos os seus negocios”, precisou Santos Ramos.
Por outra banda, mantense a subvención do 100% a entidades e colectivos sen ánimo de lucro, “xa que, deste xeito, entendemos que estamos a colaborar coa importante labor social que levan a cabo estas asociacións”, salientou o deputado de Emprego.
As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva, aberta a todas as empresas e entidades sociais da provincia, agás as que recibiron axudas nas dúas anteriores convocatorias do Ben Empregado e non contrataron finalmente aos traballadores que lles subvencionou a Deputación durante un ano.
Unha das novidades é que nesta edición non se establece un límite no número de traballadores contratables, senón que se especifica un máximo de 22.000 euros de subvención por empresa ou entidade. “As empresas poderán contratar os traballadores que precisen, sempre respectando os seus dereitos laborais, o que será mostra da maior responsabilidade e implicación que lels pedimos ás empresas”, precisou Santos Ramos.
En canto aos desempregados con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social, os responsables do Executivo provincial mantiveron encontros con diversos colectivos, e tamén abriron unha canle de comunicación cos particulares, para que fixeran chegar os seus perfís laborais. Deste xeito, obtivéronse máis de 300 perfís, “que imos enviar ás empresas e entidades para facilitar a súa contratación”.
MÁIS NOVIDADES
O Ben Empregado 3 conta con outras dúas novidades. A Deputación porá en marcha un Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse na empresa ou entidade na que sexan contratados. Ademais, o organismo provincial vai custear o equipamento necesario para que as persoas con necesidades diferentes poidan desenvolver o seu traballo, por exemplo unha maquinaria adaptada ou unha rampla de acceso ás instalacións.
EMPREGO DE CALIDADE
Ademais, as bases do Ben Empregado 3 introducen máis cláusulas sociais que deberán ter en conta as empresas e entidades beneficiadas. Deste xeito, valoraranse positivamente as propostas que inclúan contratacións indefinidas, medidas de conciliación, ou cursos de formación. Tamén terán prioridade os proxectos de nova creación, e os promovidos por mozos ata 35 anos, mulleres e maiores de 45 anos. Está previsto que se abra en outubro o prazo de solicitude das axudas do Ben Empregado 3.
RESULTADOS
As edicións anteriores deste programa supuxeron a contratación de 546 desempregados lucenses, dos que un 30% continuaron traballando no mesmo posto ao rematar a subvención. Dous exemplos son os de Verónica Castro, de 30 anos, e Sandra Gómez, de 27, que conseguiron contrato indefinido en Cogami como logopeda e fisioterapeuta, respectivamente. A axuda provincial no Ben Empregado está a dar traballo a persoas como Benjamín López, de 58 anos, como oficial nunha empresa de impresión, ou Noelia Aira, de 35 anos, como guía na Casa Museo Uxío Novoneyra.•

NOVIDADES DO BEN EMPREGADO 3

•Nesta edición, ponse en marcha un Servizo de Intermediación Laboral para axudar á integración dos traballadores nas empresas e entidades que os contraten •Así mesmo, a Deputación vai custear o equipamento necesario para que as persoas con capacidades diferentes poidan desenvolver o seu traballo •Nesta convocatoria, non se limita o número de traballadores, establecendo unha cota máxima de 22.000 euros de subvención por empresa ou entidade.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Empresarios lucenses buscan levar a Cuba os seus produtos

Seguinte Nova

As Rutas do Románico na Ribeira Sacra continúan ata o 15 de outubro

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss