As Rutas do Románico na Ribeira Sacra continúan ata o 15 de outubro

• O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra continúa ofrecendo o programa Rutas do Románico cada semana ata o 15 de outubro. Nestas rutas combínanse a arte e a natureza, con visitas a puntos de interese turístico a maiores dos entornos patrimoniais de arte románica.
VISITAS POLO SAVIÑAO
Os mércores desenvólvese a Ruta do Románico de O Saviñao, con saída ás 16,30 horas da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño. A visita continuará polas igrexas de San Paio de Diomondi e Santa María de Seteventos, para rematar do dolmen de Abuíme.
MONUMENTALIDADE E NATUREZA EN SOBER
A Ruta do Románico de Sober ten lugar os xoves, saíndo ás 16,30 horas de diante do edificio do Concello de Sober. O itinerario inclúe a igrexa de San Xulián de Lobios, San Vicente de Pinol, Santa María de Proendos, o souto de Lobios e o mirador de Santiorxo.
O GRAN ROMÁNICO DE PANTÓN
Os venres é a quenda do románico de Pantón, o concello con máis densidade monumental desta arte en Galicia. A ruta iníciase ás 16,30 horas dende o Mosteiro das Bernardas de Ferreira, para continuar visitando a igrexa de San Miguel de Eiré, Santo Estevo de Atán, e San Vicente de Pombeiro.
SÁBADOS DE ROMÁNICO POLA COMARCA DE CHANTADA
As rutas do sábado organízanse en sesións de mañá e tarde, con itinerarios pola comarca de Chantada. Así, os sábados pola mañá desenvólvese a Ruta do Románico de Carballedo, con saída ás 10,30 horas dende diante do Concello en A Barrela. O itinerario inclúe Santiago de Lousada, San Xoán da Cova e Santo Estevo de Chouzán.
Os sábados pola tarde son o espazo para a Ruta do Románico de Chantada-Taboada. A expedición parte ás 16,30 horas dende a Oficina de Turismo de Chantada, para visitar San Salvador de Asma, Santa María de Camporramiro, Santa María de Pesqueiras e San Pedro de Bembibre.
RECOMENDACIÓNS PARA REALIZAR AS RUTAS DO ROMÁNICO DA RIBEIRA SACRA
As Rutas do Románico son guiadas, e realízanse en coches particulares dos participantes, que deberán presentarse no punto de saída á hora sinalada. A saída está garantida, independientemente do número de persoas que se presenten. Ademais, non é preciso reserva.
Dende a organización informan de que o acceso ás igrexas de Santa María de Pesqueiras e San Xoán da Cova só pode facerse a pé, polo que recomendan levar calzado cómodo. Así mesmo, advirten de que as rutas poden verse modificadas a criterio do guía, debido á celebración de oficios relixiosos ou a imprevistos doutra natureza.
O prezo por persoa e ruta é de 6 euros, ive incluído. Os nenos e nenas menores de 14 anos participan gratis.
VISITAS FÓRA DE RUTA
Como complemento ás Rutas do Románico, dende o Consorcio de Turismo recomendan aos participantes que se acheguen, fóra de ruta, a diversos enclaves monumentais de gran interese artístico e patrimonial desta zona. Entre eles, está a ruta dos Mosteiros, xa en terras ourensás, e integrada polo de San Pedro de Rocas, no municipio de Esgos; o de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín; o mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo; o de Santa Cristina de Ribas de Sil, no concello de Parada de Sil; e o de Santa María de Montederramo, tamén na provincia de Ourense.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aprobado o programa provincial Ben Empregado 3 con novidades para fomentar a inserción laboral

Seguinte Nova

O monfortino Dani de la Torre será homenaxeado na gala final da 38ª Semana de Cine de Autor de Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: