• Baixo o título “Pinceladas galegas, trazos mediterráneos”, a Casa da Cultura e o Auditorio Municipal de Chantada acollen esta apaixonante viaxe polas dúas etapas creativas de Manuel Jorge • A mostra está aberta ata o 30 de outubro
A necesidade de redescubrir en Galicia a obra de Manuel Jorge supuxo un impulso para botar adiante o proxecto. “É importantísimo dar a coñecer a súa obra; sabemos da súa relevancia en Valencia, pero dende logo non aquí, e isto é grave porque é parte da nosa historia”, comentou Mercedes Vázquez, presidenta de Airoá Comunicación, impulsora do proxecto no que colaboran a Fundación Manuel Jorge e o Concello de Chantada.•
• Manuel Jorge, unha vida adicada á creación entre Galicia e o Mediterráneo
• Manuel Jorge naceu en Chantada en 1929. Segundo refire o dossier que acompaña á exposición, parte da súa obra arranca das lembranzas dos primeiros anos da súa vida: “A infancia é o máis importante que nos pasa na vida, é o que nos forma”, afirma o pintor e arquitecto. A Casa de Lemos, actual Casa da Cultura, conserva aínda agora elementos daquela Chantada da primeira metade do século XX. Por este motivo, é este o espazo expositivo para as obras pictóricas que recollen as lembranzas chantadinas de Manuel Jorge, a primeira época creativa entre os anos 1958 e 1982, agás o retrato azul da súa nai co que se abre a exposición, e que data de 2002.
Manuel Jorge trasladouse a Madrid para preparar o ingreso na Escola Superior de Arquitectura. O seu paso pola capital sírvelle para mergullarse na riqueza dos seus museos e formarse en debuxo. En 1959, xa licenciado, volve a Chantada e adícase á pintura de xeito autodidacta. Pasa o ano 1960 en Menorca, adicado á creación pictórica, e fai as súas primeiras exposicións en Madrid. En 1961 trasládase a Cadaqués, onde coñece á que será a compañeira da súa vida, a pintora finlandesa Christina Snellman.
Tralo seu paso por Alicante, onde desenvolve os seus primeiros proxectos arquitectónicos, a parella inicia unha serie de viaxes por Europa e o resto do mundo. A partir dese momento, Manuel Jorge desenvolverá as súas dúas grandes paixóns, a arquitectura e a pintura, mantendo esta última en segredo durante décadas. Deste segundo periodo proceden as obras expostas no Auditorio de Chantada, presididas por un gran retrato da súa compañeira nesta travesía creativa.•