![O presidente e o vicepresidente da Deputación, nunha imaxe de arquivo da presentación do programa Ben Empregado. GPDL.](https://i0.wp.com/encomun.es/wp-content/uploads/2016/10/ben-empregado-arquivo.jpg?resize=450%2C300&ssl=1)
• Ata o 19 de outubro inclusive, a Deputación de Lugo ten aberto o prazo de solicitude das axudas do plan Ben Empregado 3, destinado a entidades e empresas da nosa provincia. O organismo provincial destina 2,3 millóns de euros a estas axudas, coas que sufraga os gastos laborais e salariais pola contratación de parados lugueses durante un periodo dun ano.
As bases da convocatoria, así como o listado da documentación que hai que presentar, atópanse nun espazo habilitado na web www.deputacionlugo.gal, no que se explica tamén a forma de tramitación.
Segundo precisaron dende a Deputación, unha vez resolto este proceso, a finais de ano publicaranse os perfís profesionais que demandan as empresas. A continuación, abrirase un novo prazo para a selección dos desempregados que queiran optar a estes postos de traballo.
A terceira edición do programa provincial Ben Empregado conta con novidades, incorporadas trala experiencia das anteriores convocatorias. En primeiro lugar, a Deputación pon en marcha un Servizo de Intermediación Laboral para axudar aos traballadores a integrarse nas empresas e entidades nas que sexan contratados. Por outra banda, a Deputación vai sufragar nesta edición o equipamento que sexa necesario para que as persoas con capacidades diferentes poidan realizar o seu traballo.
Outra das novidades refírese ao número de contratacións. Nesta edición, o Ben Empregado non estipula un límite no número de traballadores, senón que establece un máximo de 22.000 euros de subvención por empresa ou entidade, coa que sufragar os custos laborais e salariais dos traballadores.
Tamén se melloran as cláusulas sociais. O Ben Empregado valorará positivamente as propostas que impliquen contratacións indefinidas, ou que inclúan programas de formación, medidas de conciliación ou melloras no sistema produtivo. A Deputación establece medidas de control para o cumprimento das cláusulas sociais, e as empresas que non cumpran poden perder a subvención.•