Medra nun 87% a participación no programa Viñobús da Vendima

• Cheo absoluto nesta actividade que permite aos visitantes coñecer o proceso de vendima e elaboración do viño participando nos traballos

Imaxe de arquivo dunha edición anterior do Viñobús, cun grupo de visitantes a punto de participar na fase de vendima do programa. Arquivo EC
Imaxe de arquivo dunha edición anterior do Viñobús, cun grupo de visitantes a punto de participar na fase de vendima do programa. Arquivo EC

• O programa Viñobús, posto en marcha un ano máis polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, acadou un cheo absoluto nesta nova edición, con 188 participantes nas tres fins de semana. Esta cifra supón un incremento do 87% respecto ao ano pasado.
Aproveitando os traballos de vendima e a singular paisaxe que amosa a Ribeira Sacra nesta época do ano, o programa Viñobús ofrece a posibilidade de facer unha viaxe interactiva e experiencial pola cultura vitivinícola. Os visitantes participan en todo o proceso da uva, dende a recolección nas viñas ata os traballos na adega, recuperando o tradicional pisado do froito, e seguindo coa elaboración do mosto e do propio viño. Os visitantes poden solicitar, asumindo os portes, o envío a domicilio dunha botella deste viño, elaborado durante a súa estadía na adega, unha vez se complete o proceso de vinificación.
No programa Viñobús participaron 11 adegas da Denominación de Orixe, o dobre das do ano pasado.
Máis do 80% dos usuarios do Viñobús proceden da provincia de A Coruña, e solicitan información para pernoctar na zona e realizar actividades complementarias.•

Máis de 5,5 millóns de quilos de uva recollidos na Ribeira Sacra

• Logo da vendima, as adegas da Denominación de Orixe inician os traballos de elaboración do viño

vendima arquivo
Dende o 29 de setembro, data oficial de inicio da vendima na Ribeira Sacra, a paisaxe estivo marcada polas tarefas de recollida da uva. Arquivo EC

• Aínda que algunhas adegas iniciaron a colleita o 9 de setembro, o 29 deu comezo de forma oficial a vendima 2016, cunha recollida que se cifraba en 5 millóns e medio de quilos de uva a mediados desta semana. Un total de 89 adegas  da Denominación de Orixe realizaron ao longo destes días días as labores de recollida de uva. Con data de 12 de outubro, a campaña estaba práticamente completada, xa que tan só faltaban sete adegas da Ribeira Sacra por rematar os traballos nas viñas.•

A CONSELLEIRA DE MEDIO RURAL, DE VENDIMA NA RIBEIRA SACRA

Ángeles Vázquez recolle un acio de uvas na zona de Amandi, o pasado 5 de outubro. GPXG
Ángeles Vázquez recolle un acio de uvas na zona de Amandi, o pasado 5 de outubro. GPXG

• A comezos de outubro, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou a adega Rectoral de Amandi, en Sober, onde coñeceu os traballos de campo na viña, e recolleu algúns dos acios da nova colleita desta tempada.
Vázquez aproveitou a súa estancia na Ribeira Sacra para destacar a boa calidade xeral da uva na vendima das cinco Denominacións de Orixe galegas. Así mesmo, a responsable de Medio Rural lembrou que os informes previos dos Consellos Reguladores confirman as boas previsións en canto á calidade do froito, debido ás chuvias rexistradas nos días previos á colleita, que propician o óptimo estado sanitario da uva, así como as súas condicións favorables de acidez e azucre.
Por outra banda, a finais de setembro publicouse a resolución das axudas aos viticultores da Ribeira Sacra afectados polo pedrazo do 15 de agosto. As axudas serán de 7.000 euros por hectárea afectada, ata un máximo de 15.000 euros por viticultor. A Xunta destina un total de 500.000 euros a estas achegas para reparar os viñedos danados, e 100.000 euros máis para arranxar camiños, muras e infraestruturas vitícolas afectadas.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte ofrece 110 prazas nas actividades de Servizos Sociais

Seguinte Nova

O IES Daviña Rey recibiu en Santiago o premio Plan Proxecta de Innovación

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: