Suprimen a executiva da Unión Comarcal de UGT-Lemos, que pasa a depender de Lugo

• Tras 40 anos de historia dende a chegada da democracia, desaparece a executiva comarcal de Lemos por decisión do Congreso galego do sindicato • A Unión Comarcal de UGT-Lemos conta con 1.850 afiliados, e trala fusión con Valdeorras hai 3 anos sumaban preto de 3.000, con mayoría sindical no 50,7% das empresas

A sede da Unión Comarcal de UGT-Lemos Valdeorras ofrecerá unicamente a asistencia dunha administrativa-secretaria, dependendo da executiva provincial de Lugo. Arquivo EC
A sede da Unión Comarcal de UGT-Lemos Valdeorras ofrecerá unicamente a asistencia dunha administrativa-secretaria, dependendo da executiva provincial de Lugo. Arquivo EC
• O 20 de setembro quedaba desmantelada unha das agrupacións máis emblemáticas do sur de Lugo. O Congreso Provincial da UGT aprobaba a supresión da executiva da Unión Comarcal da UGT Lemos-Valdeorras, con sede en Monforte, que pasaba a integrarse na de Lugo. Con esta decisión, confirmábase o descabezamento dunha formación con 40 anos de historia dende a chegada da democracia, e que levaba dende 2013 fusionada con Valdeorras, con resultados de funcionamento que a executiva provincial cualifou sempre de “maravillosos”, segundo apunta o xa ex secretario xeral de UGT Lemos-Valdeorras, Mario Docasar.
“MONFORTE MERECÍA TER EXECUTIVA PROPIA, POR SER A SEGUNDA CIDADE DA PROVINCIA”
O histórico sindicalista, que tomara o relevo do que fora o primeiro secretario xeral da UGT de Monforte, Gonzalo López López, no ano 1990, mantén que “esta decisión non se entende, xa que non cobrábamos ningún dos 7 membros da actual executiva, e por xestión ben podíamos ser autónomos”. Docasar defende a autonomía executiva da formación monfortina cos resultados na man. “Lemos-Valdeorras éramos os que tiñamos mellores resultados de toda España, con presenza maioritaria no 50,7% das empresas”, explica o sindicalista monfortino, portavoz ata o día 20 do mes pasado dunha agrupación que sumaba preto de 3.000 afiliados. “Nas comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga éramos un total de 1.850”, precisa.
A iniciativa de fusionar Lemos con Lugo presentouse no Congreso Galego da UGT do 8 de maio, nun encontro no que Docasar se opuxo “frontalmente” á supresión do órgano executivo comarcal. “Opúxenme por activa e por pasiva, tanto no plenario como na comisión de estatutos, onde se ía aprobar a fusión”, insiste o ex portavoz de Lemos-Valdeorras. Mario Docasar argumentou que “Monforte merecía ter executiva propia, por ser a segunda cidade da provincia”, e ademais, considera que fusionar comarcas “é un erro, porque só vai traer pérdidas para os traballadores”. Facer depender a Monforte de Lugo “é afastar o sindicato dos traballadores”, sentenciou Docasar.
Imaxe de arquivo do que foi secretario xeral da UGT-Lemos durante os últimos 26 anos, Mario Docasar, na sede da forrmación sindical en Monforte. Arquivo EC
Imaxe de arquivo do que foi secretario xeral da UGT-Lemos durante os últimos 26 anos, Mario Docasar, na sede da forrmación sindical en Monforte. Arquivo EC
“OS TRABALLADORES VAN ESTAR PEOR ATENDIDOS QUE NUNCA EN DEMOCRACIA”
A fusión consumábase o 20 de setembro en Lugo, no Congreso provincial da formación, cita á que non acudiu Mario Docasar por primeira vez na súa traxectoria no sindicato. “Non fun ao Congreso porque non quixen ser cómplice de certificar a defunción da UGT Lemos”, explica. Docasar sostén que “este desmantelamento da Unión Comarcal de Lemos non o entenden ningún dos afiliados”. Na nova situación, xa non hai executiva na sede monfortina da rúa Roberto Baamonde, “senón que está en Lugo”. En Monforte, só atende a oficina a administrativa-secretaria, “que ten que facer ademais funcións de sindicalista”, lamenta Docasar. O que fora portavoz da formación en Monforte durante os últimos 26 anos advirte de que, con esta medida, “os traballadores van estar agora peor atendidos que nunca antes dende a democracia”.
“Aínda que intentei por todos os medios que non se levara para Lugo, fracasei”, lamenta Docasar, que aínda confía en que a executiva galega “que foi a que pariu todo este erro, reflexione e rectifique”. Aínda quedarían catro anos ata o novo congreso, pero xa se están a dar baixas de “importantes grupo de traballadores, e tamén de delegados, porque todos queren un sindicato cercano aos centros de traballo”, precisa Docasar. O ex portavoz avisa de que “estes catro anos serán testigos deste grave erro”, e confía en que se rectifique “para que a UGT volva ser outra vez o que foi”.•

• Mario Docasar, secretario xeral da Unión Comarcal da UGT-Lemos durante os últimos 26 anos: “Tiñamos os mellores resultados sindicais de toda España” • O xa ex secretario da formación considera que a decisión da executiva de Lugo “é afastar o sindicato dos traballadores”  • Docasar non asistiu ao congreso provincial do día 20 “porque non quixen ser cómplice de certificar a defunción da UGT Lemos”

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Teatro en Monforte o día 20

Seguinte Nova

Aberto o prazo para participar no programa Lugo Termal 2016

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss