•As anteriores edicións desta iniciativa da Deputación para o fomento de emprego axudou á creación ou mellora de 13 establecementos na provincia
• A Deputación de Lugo está a poñer en marcha a cuarta edición do Campus de Emprendemento Sostible, unha iniciativa dentro do plan de emprego do organismo provincial, a través do cal ofrece formación e asesoramento aos emprendedores que queiran abrir un negocio ou mellorar un xa existente.
Na presentación do Campus o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, dirixiuse aos emprendedores que participaron nas edicións anteriores deste ciclo formativo, e que comentaron as aportacións do Campus ao seu proxecto empresarial. «Sodes a esencia deste programa», precisou Campos Conde, quen lembrou que «todas as iniciativas que poñemos en marcha dende a Deputación son para as persoas, para mellorar a súa calidade de vida».
O Campus de Emprendemento Sostible ofrece, de xeito gratuíto, formación, asesoramento individualizado e coñecemento in situ sobre iniciativas xa en marcha para que os emprendedores poidan abrir os seus negocios ou reconverter os que xa teñen.
Como novidade, tres dos catro cursos que compoñen o Campus desenvolveranse nos tres centros de formación profesional que ofrecen ciclos superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio natural. Estes cursos, destinados a un mínimo de 60 alumnos, ofrecerán formación teórica e prática, así como visitas a empresas lucenses do sector.•
●ABERTA A INSCRICIÓN PARA O CAMPUS DE MADURACIÓN DA IDEA EMPRESARIAL
O cuarto curso do IV Campus de Emprendemento Sostible vai dirixido ás persoas que xa teñen avanzada a súa idea de negocio. Desenvolverase durante a semana do 21 de novembro no Centro de Interpretación de Terras do Miño. A actividade ofrece 20 prazas, con formación teórico-prática e visitas a empresas. Os interesados poden obter información e a documentación para inscribirse no banner do portal www.deputacionlugo.gal.●