Medra o doble o número de visitantes na Ruta do Románico de Chantada e Taboada

•O programa de Rutas do Románico do Consorcio de Turismo mantén o tirón do ano pasado

A igrexa de Santa María de Pesqueiras é un dos catro monumentos que integran a Ruta do Románico de Chantada-Taboada. Arquivo EC.
A igrexa de Santa María de Pesqueiras é un dos catro monumentos que integran a Ruta do Románico de Chantada-Taboada. Arquivo EC.

 

•Entre o 29 de xuño e o 15 de outubro, desenvolvéronse un total de 80 roteiros •A ocupación media de cada roteiro foi de 10 persoas •O funcionamento en pequenos grupos busca garantir unha boa experiencia na visita e unha atención personalizada

• Dende finais de xuño ata mediados de outubro, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra desenvolveu unha nova edición do programa Rutas do Románico, mantendo en liñas xerais o volume de visitantes que rexistrara en 2015. Nesta ocasión, foron 822 as persoas que visitaron os monumentos da arte románica situados nos municipios de Pantón, O Saviñao, Sober, Carballedo, Chantada e Taboada, e integrado nun total de 4 roteiros.
MÁIS DUN CENTO DE PERSOAS INTERESÁNRONSE POLO ROMÁNICO DE CHANTADA
A ruta Chantada-Taboada foi a que máis medrou en participación, rexistrando máis do dobre de visitantes que o ano pasado, cun total de 109. No roteiro están incluídas as igrexas de San Salvador de Asma, Santa María de Camporramiro, Santa María de Pesqueiras, e San Pedro de Bembibre.
PANTÓN SEGUE A SER A MÁIS VISITADA
Pola súa banda, Pantón consolídase como a máis visitada, aínda que baixou lixeiramente no número de participantes, acadando 262. A ruta turístico-cultural por este municipio iníciase no Mosteiro das Bernardas de Ferreira, para continuar por San Miguel de Eiré, Santo Estevo de Atán, e rematando en San Vicente de Pombeiro.
MÁIS DE 200 VISITANTES NO ROMÁNICO DO SAVIÑAO E O DOLMEN DE ABUÍME
Pola súa banda, o roteiro que discurre polo Saviñao acadou 230 participantes, que visitaron as igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi e Santa María de Seteventos, ademais do Dolmen de Abuíme.
MIRADOIROS, SOUTOS E MONUMENTALIDADE NA RUTA SOBERINA
En Sober, un total de 132 persoas disfrutaron da Ruta do Románico integrada polas igrexas de San Xulián de Lobios, San Vicente de Pinol e Santa María de Proendos, xunto aos puntos de interés turístico do souto de Lobios e o mirador de Santiorxo.
PRETO DE 90 VISITANTES EN CARBALLEDO
Por último, a ruta do románico de Carballedo rexistrou 89 visitantes. O trazado vai de Santiago de Lousada a San Xoán da Cova e remata en Santo Estevo de Chouzán.
INTERNET E AS REDES SOCIAIS, GRAN FERRAMENTA DE CAPTACIÓN
Segundo rexistra o balance das Rutas do Románico dado a coñecer polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, os usuarios deste programa coñeceron esta oferta turística a través da propia web e as redes sociais do Consorcio, así como de portais de internet especializados en románico. As redes sociais en xeral tamén funcionaron como unha importante fonte de captación de visitantes, ademais do servizo ofrecido nos puntos de información turística municipal de Pantón, Chantada e Monforte, aos que se sumou este ano a oficina de turismo de Lugo.
En último lugar, as fontes de referencia das Rutas do Románico foron os aloxamentos de turismo da Ribeira Sacra e o boca a boca.
BALEARES E MANCHEGOS ESTRÉANSE NAS RUTAS DO ROMÁNICO
En canto á procedencia, a novidade deste ano foi a incorporación, por vez primeira, de visitantes procedentes das Illas Baleares e de Castela-A Mancha. Ademais, medrou a presenza de turistas chegados do País Vasco, Castela-León e o resto de Galicia. Os máis numerosos foron, como en anos anteriores, os visitantes procedentes de Madrid, Cataluña e Andalucía. Pola súa banda, o turista estranxeiro segue a ter unha presenza pouco significativa neste tipo de roteiros.
Os visitantes demandan máis sinalización, e horarios máis amplos nos puntos de información turística municipais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte iniciou os traballos de asfaltado de varias rúas do casco urbano

Seguinte Nova

A película “Pelerinaxes” proxectarase de balde en Chantada

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: