• Conta atrás para a vindeira cita en competición dos deportistas do club Neka. O Torneo Cidade de Pontevedra, que se celebrará o 29 e 30 de outubro, contará coa presenza de 26 deportistas do clube monfortino. O Neka afronta esta cita cunha baixa importante, a de Pedro Luis Pérez, por enfermidade. “É unha pena, porque vai de primeiro no ranking da liga galega de combate”, lamenta o seu adestrador, José Mª Vega. A baixa de Pérez alterou as previsións do Neka, xa que o deportista viña de gañar o ouro na última proba disputada en Ribeira hai uns días, “e estaba nun momento estupendo de forma e de rendemento”.
Os resultados tampouco acompañaron aos monfortinos no campionato de España junior de combate. Junior Martínez, actual campión galego, perdeu en cuartos cun resultado “axustadísimo”, cando optaba a plantarse nun mundial. “Hai que seguir traballando, e Junior está moi motivado para continuar con forza”, explica Vega.
A cita de Pontevedra servirá aos de Neka para ir quentando motores de cara ao Campionato de España por clubes, que terá lugar no mes de decembro.•