Outono activo na natureza co programa “A caída da folla na Ribeira Sacra

• Preto dunha decena de actividades compoñen esta programación, posta en marcha polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

• As actividades comezan o sábado 29 de outubro, e desenvolveranse durante 4 fins de semana ata o 20 de novembro

Imaxe de arquivo dunha das actividades da primeira edición do programa “A caída da folla na Ribeira Sacra”. (Foto: CTRS).
Imaxe de arquivo dunha das actividades da primeira edición do programa “A caída da folla na Ribeira Sacra”. (Foto: CTRS).
• O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra pon en marcha esta fin de semana a segunda edición do programa “A caída da folla na Ribeira Sacra”. Esta iniciativa terá lugar durante 4 fins de semana consecutivos dende o 29 de outubro ata o 20 de novembro.
APROVEITAR A RIQUEZA PAISAXÍSTICA E NATURAL DO OUTONO, E AMPLIAR A TEMPADA TURÍSTICA
Segundo explicaron os responsables do Consorcio, o programa ten como obxectivo aproveitar as posibilidades paisaxísticas e naturais que ofrece o outono na zona para o desenvolvemento de actividades turísticas.
Así mesmo, dende o Consorcio destacan a importancia deste tipo de iniciativas, que axudan a ampliar a tempada turística e camiñar cara á “tan ansiada desestacionalización do sector”.
ACTIVIDADES VARIADAS NA NATUREZA
A programación inclúe un total de 9 actividades, que van ter lugar tanto en terras lucenses como ourensás. Roteiros de sendeirismo, degustación de produtos do outono, fotografía ao aire libre, tradicións orais asociadas á estación e á natureza son algunhas das propostas do programa “A caída da folla na Ribeira Sacra”.
RUTAS EN KAYAK
“Outono a vista de río” é o nome da actividade que inclúe rutas en kayak polos ríos Sil e Miño. A primeira cita será o sábado 29 de outubro dende o embarcadoiro de A Abeleda, en Castro Caldelas, e a segunda o domingo 13 de novembro dende a área recreativa de Maiorga, en Pantón. Esta actividade, apta para principiantes, inclúe equipamento completo e charla sobre seguridade e manexo da embarcación a cargo de 3 monitores. As rutas ofrecen entre 16 e 40 prazas, cun prezo por persoa de 8 euros, que dá dereito a participar no sorteo dunha noite de aloxamento nun establecemento de turismo rural.
MICOLOXÍA E DEGUSTACIÓNS DE OUTONO
A recollida de setas é un clásico do outono, que o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra está a aproveitar a través da actividade “Cestas e ao bosque!”. Como o ano pasado, realizaranse obradoiros de formación, saídas ao campo, clasificación de exemplares e degustacións. A organización aporta o material, composto por navalla, guía micolóxica, caderno e bolígrafo, e está incluído o almorzo e o xantar. A actividade oferta entre 7 e 15 prazas, a un prezo de entre 40 e 15 euros, segundo se é dobre xornada, só unha ou media xornada. Os menores de 12 anos pagan a metade. Ademais, sortearanse cestas de mimbre entre os participantes.
BUSCAR TESOUROS POLO MONTE E REMATAR CUN MAGOSTO
O geocatching para adultos no bosque centra a actividade “Castañas e carriozas”, guiada por monitores experimentados en GPS, na busca de tesouros no medio do monte. A xornada rematará cunha merenda tipo magosto. Esta actividade terá lugar na tarde do sábado 29 de outubro, nos bosques de castaños de Parada do Sil.
FOTOGRAFÍA A PÉ DE RUTA POLO BOSQUE
A fotografía e o sendeirismo protagonizan a actividade denominada “Paisaxes de outono”. Dous roteiros cunha duración aproximada de 3 horas desenvolveranse dentro deste programa. Ao longo das camiñatas, realizaranse paradas suxeridas polo profesor de fotografía, para captar as mellores condicións de luz e cor na natureza. Ao mesmo tempo, varios monitores irán explicando aos participantes as características que presenta o bosque nesta época do ano. A actividade ofrece entre 15 e 30 prazas, a un prezo por persoa de 5 euros, incluíndo viaxe de regreso en autobús. Ademais, haberá un sorteo dun paseo en zodiac polo Miño para dúas persoas.
DÚAS RUTAS FOTOGRÁFICAS
A primeira ruta fotográfica desenvolverase o sábado 12 de novembro ao longo dun traxecto de 8,4 quilómetros á beira do río Loio. O grupo partirá ás 16,30 do punto de encontro, situado nas Piscinas Municipais de Paradela. A segunda e última ruta terá lugar o sábado 19 de novembro, con nove quilómetros de ruta polos Canóns do Sil, saíndo ás 10 horas da Praza de Luíntra, en Nogueira de Ramuín.
TRADICIÓN ORAL VINCULADA Á NATUREZA
O programa deseñado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra complétase coa actividade “Bosques Máxicos”, que adica un espazo á cultural oral. Acompañados de monitores, os participantes adentrarase no monte e nos viñedos escoitando as lendas e tradicións que a cultura oral conservou sobre estes espazos máxicos. A xornada, que terá lugar o domingo 20 de novembro, está aberta a público de todas as idades. O punto de encontro será na estrada N-540, á entrada da Avenida de Monforte en Chantada, diante do IES Val do Asma.
A actividade, cun máximo de 20 prazas e un mínimo de 10, ten un prezo individual de 10 euros, e de 6 para menores de 12 anos. Inclúe unha comida tradicional e un sorteo de botellas de viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
CHEGADA EN COCHES PARTICULARES AO PUNTO DE ENCONTRO
Dende a organización explican que é preciso o uso de coches particulares para desprazarse ata o punto de encontro. Así mesmo, poderanse aplazar as actividades debido á climatoloxía.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Novas actuacións do Concello de Sober para mellorar os núcleos rurais

Seguinte Nova

A Deputación aprobou axudas por un total de 240.000 euros para sufragar gastos culturais e deportivos dos Concellos

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss