• Esta cantidade é o anticipo do 90% que o Goberno provincial decidiu ingresar aos Concellos •A Deputación aumentou neste exercicio ata 1,5 millóns o orzamento para cubrir o 100% do custe municipal deste servizo

Este anuncio realizouno o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, durante a visita que realizou ao domicilio de Dorinda Vidarte, veciña de Lourenzá de 95 anos e usuaria do Servizo a Domicilio. Acompañado da alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, e da traballadora social que asiste a Dorinda Vidarte, o mandatario provincial lembrou que o seu equipo de goberno aumentou neste exercicio ata 1,5 millóns de euros o orzamento para este servizo. Con esta cantidade, a Deputación financia o 100% do Servizo para, segundo explicou Campos Conde, aliviar aos Concellos do pago do 30% «que a Xunta de Feijóo lles obrigou a asumir tras deixalos sen orzamento autonómico algún para atender aos maiores do rural lucense».
Con este anticipo, os Concellos poden poñer en marcha as novidades que o Goberno de Campos Conde introduciu no Servizo a Domicilio. O propio mandatario provincial explicou que, con este anticipo de 1 millón, os Concellos poden pagar os gastos de persoal ou tamén, por vez primeira, os gastos de funcionamento. Deste xeito, as entidades locais poden contratar máis traballadores sociais para atender novos usuarios, ou mellorar a atención dos xa existentes, naqueles Concellos onde non hai lista de espera, pagándolles material sanitario ou incluso os desprazamentos dos maiores e os seus asistentes ás citas médicas, por exemplo.
Para axustarse ás necesidades de cada Concello, o Goberno provincial decidiu elaborar e asinar un convenio con cada municipio. Dos 66 concellos de menos de 20.000 habitantes aos que beneficia esta medida, foron 17 os que non solicitaron o anticipo, para cumprir coa estabilidade orzamentaria que esixe a lei. Entre eles, están os concellos de Bóveda, Láncara, Monforte de Lemos, Pantón, O Páramo, Ribas de Sil e Sober, aínda que tamén están a aplicar as novas medidas do Servizo a Domicilio.
Ademais das novidades no uso dos fondos, o Goberno provincial aplicou un reparto dos importes segundo criterios obxectivos, tendo en conta o índice de envellecemento da poboación, a superficie do municipio, a densidade poboacional e as unidades de poboación.•
DISTRIBUCIÓN DE FONDOS NOS CONCELLOS DO SUR DE LUGO
COMARCA DE LEMOS: BÓVEDA: 21.699,90 euros MONFORTE DE LEMOS: 23.744,32 euros PANTÓN: 25.788,74 euros A POBRA DO BROLLÓN: 24.085,06 euros O SAVIÑAO: 26.129,48 euros SOBER: 26.129,48 euros
COMARCA DE QUIROGA: FOLGOSO DO COUREL: 22.381,51 euros QUIROGA: 23.062,85 euros RIBAS DE SIL: 22.040,64 euros.
COMARCA DE CHANTADA: CARBALLEDO: 24.425,80 euros CHANTADA: 25.107,27 euros TABOADA: 24.425,80 euros.
COMARCA DE SARRIA: O INCIO: 24.085,06 euros LÁNCARA: 22.381,37 euros PARADELA: 23.062,85 euros O PÁRAMO: 21.699,90 euros SAMOS: 22.722,10 euros SARRIA: 23.403,58 euros TRIACASTELA: 19.655,48 euros.